Adíase o acto na Pobra pola memoria histórica en homenaxe a José Fernández Vázquez ata o día 23 de setembro
A mala previsión no mar para sábado 9 de setembro fai que dende as entidades organizadoras da homenaxe a José Fernández Vázquez tomen a decisión de adia-la saída en catamarán e o dito acto para o día 23 de setembro.
O Concello da Pobra do Caramiñal colabora nesta actividade co Faiado da Memoria e coa Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía, xunto coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza e a Fundación 10 de Marzo.
Neste senso, a concelleira da Memoria Histórica, Patricia Lojo, incide na importancia desta xornada de recuperación de acontecementos e posta en valor das xentes e dos lugares da memoria. Afirma, ademais, que a Administración local seguirá traballando coas asociacións neste eido.
Cos ditos cambios, un catamarán partirá no día 23 dende o porto de Vilagarcía de Arousa, ás 10.30 horas, para percorre-la ría da Arousa e pór en valor a súa importancia, por ser escenario de numerosos episodios históricos que marcaron o porvir das súas poboacións costeiras. A travesía fará unha parada en Sálvora para asistir a unha visita guiada á aldea e faro, que contan tamén cun relevante pasado dende o punto de vista histórico e social. Arredor das 14.30 horas, partirase da illa con rumbo á Pobra do Caramiñal. O prezo desta travesía establécese nos 20 euros por persoa adulta, nos 8 euros para a rapazada de 4 a 12 anos e será de balde para as crianzas menores.
Xa na Pobra do Caramiñal, o teatro cine Elma acollerá, ás 17.00 horas, unha charla-homenaxe arredor da figura de José Fernández Vázquez, veciño pobrense, que se trasladou posteriormente a Vilagarcía, coñecido como o “comandante Sotomayor”, moi activo na vida política, principalmente entre a década dos anos 30 e dos 60, quen tamén garda relación coa localidade pobrense por mobiliza-lo sector conserveiro apoiando as traballadoras na mellora das condicións laborais, tal e como explica Margarita Teijeiro, integrante do Faiado da Memoria, quen engade que participou activamente na defensa da República, tanto durante a Guerra Civil coma despois no exilio dende a América Latina.
Ela participará neste acto, que tamén contará, inicialmente, coa presenza de Carlos Cimadevila, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza; Xosé Castro Ratón, membro da Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía; Rosa Fernández Pou, filla do homenaxeado; e unha representación institucional.
Unha vez concluído, as persoas procedentes de Vilagarcía regresarán no catamarán ao porto de saída.
A asistencia a ámbalas actividades pódese facer por separado, polo cal non é obrigatorio face-la travesía náutica. A asistencia ao acto no Elma é de balde. Máis información e inscricións na viaxe no catamarán no teléfono de contacto 986186893.