Un espectáculo de monicreques dos Bolechas chega á Pobra no 4 de novembro
Os Bolechas visitan en familia unha galería de arte é o título da nova actividade que chega á Pobra do Caramiñal enmarcada no FalaRedes 2023, programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística que está a percorre-los concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística.
Este espectáculo de monicreques terá lugar no sábado, 4 de novembro, ás 17.00 horas, no teatro cine Elma. O público infantil e familiar acompañará os Bolechas nunha visita a unha galería, onde coñecerán un pintoresco personaxe e os seus cadros abstractos. Os Bolechas non entenden ese tipo de arte, prefiren pintar cadros máis figurativos e, coa axuda das persoas asistentes, debuxarán sobre as súas e os seus antepasados.
A este respecto, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, explica que se trata dunha proposta que “ademais de entreter e servir para pasar unha tarde divertida, tamén ten unha visión pedagóxica porque dinamiza o uso da lingua galega entre as crianzas.”
Non se require a inscrición previa.