Autobús á manifestación do 21 de xaneiro
Os alcaldes de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo subscriben os motivos da convocatoria da mobilización en defensa do noso mar convocada para o domingo en Santiago de Compostela.
O sector do mar ten unha forte pegada na economía dos catro concellos do Barbanza que se traduce na xeración de postos de traballo, dinamismo económico e social.
Os motivos desta mobilización son moitos, entre os que destacan a necesidade de resolver a contaminación das augas, estudar solucións ante a alta mortalidade de bivalvos e a importancia dunha rexeneración das rías.
Dende Barbanza haberá un autobús gratuíto. Sairá da estación de autobús de Ribeira, ás 10.00 horas, para facer paradas na Pobra do Caramiñal, ás 10.15 horas (na praza Alcalde Segundo Durán); Boiro, ás 10.30 horas (na praza do Concello); e Rianxo, ás 10.45 horas (na rotonda do polígono). O regreso efectuarase trala manifestación.
As persoas interesadas poden anotarse chamando ao teléfono 605530499.