A Pobra acolle un ano máis o Campionato Xunta de Galicia de Marcha en Ruta
O mes de febreiro trae consigo unha nova cita deportiva na Pobra do Caramiñal: o XXXV Campionato Xunta de Galicia de Marcha en Ruta que organizan a Federación Galega de Atletismo (FGA) e o Concello da Pobra do Caramiñal coa colaboración da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza.
Este 2024 constitúe o sexto ano en que a localidade acolle o dito campionato, de referencia no territorio galego, segundo apunta o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, quen engade que “vai camiño de se consolidar na axenda deportiva local, que goza de gran vitalidade, tanto pola capacidade organizativa e colaboradora da Administración local coma polo noso forte tecido deportivo, que se erixe como axente dinamizador.” O edil destaca tamén o carácter vistoso deste evento, debido ao nivel de participación e á contorna na cal transcorre.
A proba disputarase no 4 de febreiro, na quenda de mañá, co inicio marcado para as 10.45 horas. No que respecta ao circuíto, habilitarase, como xa é habitual, no tramo de fachada marítima comprendido entre a praza Alcalde Segundo Durán e o peirao comercial. Reunirá aproximadamente 122 atletas, que deberán completa-la distancia que lles corresponda.
Os tres mellores tempos das categorías sub-10, sub-12, sub-14, sub-16, sub-18, sub-20, sub-23, absoluta e as diferentes modalidades máster recibirán unha medalla conmemorativa.