O Concello da Pobra convoca unha nova xornada de retirada de lixo na praia da Corna
Como cada ano, o Concello da Pobra do Caramiñal promove xornadas de retirada de lixo dos areais da localidade. A vindeira convocatoria será no 25 de febreiro, en horario de 10.00 a 13.00 horas, coa praia da Corna como escenario.
A este respecto, o concelleiro do Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, incide en que esta é unha mostra máis do compromiso da Administración local co medio ambiente a través de actividades de concienciación que impliquen a cidadanía no coidado das contornas naturais. O edil apunta que en 2023 se desenvolveron tres accións desta índole, as cales teñen continuidade neste ano.
O Concello da Pobra do Caramiñal proporcionarálle-lo material necesario ás persoas voluntarias para efectua-la retirada manual de elementos nocivos para o ecosistema, ademais de contar coa colaboración da Protección Civil.
Poderán participar todas aquelas persoas maiores de idade que se inscriban no enderezo electrónico voluntariadopobradocaraminal@gmail.com. A data límite é no xoves 22 para a formalización do trámite.