Bota a andar na Pobra unha nova edición da Marcha Popular do Barbanza
O mes de maio botará a andar na Pobra do Caramiñal coa XXXVII Marcha Popular do Barbanza no día 1 que organizan conxuntamente a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza e a Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal.
Ao longo de 20 quilómetros, o itinerario levará camiñando a lugares como Portocarro, A Ponte das Taras, Pontevella de Piñeiro, Ponte das Escobias, Fervenza de Cadarnoxo e outras paisaxes da serra ata concluír en Tállara, en Lousame.
Procederase coa saída ás 10.45 horas dende os Xardíns de Valle-Inclán e prevese a finalización arredor das 18.30 horas, con parada para o xantar. Habilitarase servizo de autobús para o traslado das persoas participantes á volta.
“Apoiamos un ano máis a xa tradicional andaina que conxuga paisaxe e exercicio físico”, en palabras do concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, quen destaca a gran aceptación desta cita que no pasado ano contou con máis dun cento de camiñantes na expedición.
Durante todo o percorrido contarase coa colaboración da Protección Civil pobrense.
A inscrición é de balde e tramitarase no Departamento dos Deportes, con oficina na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, en horario de 09.30 a 14.30 horas, ou mediante os teléfonos de contacto 981831545 e 619229946.