O folclore galego porá o broche de ouro á programación do Nadal na Pobra
A axenda de actividades do Nadal encara a súa recta final na Pobra do Caramiñal. O colofón virá coa sexta edición de Vive, aprende e goza do noso organizada conxuntamente entre a Asociación Cultural Eiradela e a Concellaría da Cultura, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE).
Estas xornadas dedicadas a pór en valor a cultura tradicional galega concentraranse nesta fin de semana, no toldo da praza Alcalde Segundo Durán.
Arrancarán no sábado 7, ás 20.00 horas, cunha foliada a cargo de seis grupos de música tradicional. Impartiranse tamén obradoiros e concertos de Os Tres Tristes Tigres e Os Liantes.
No domingo 8, comezarán ás 12.00 horas, co vermú ghaiteiro no cal participarán numerosas agrupacións da contorna que actuarán tamén na fin da festa. Pola tarde, ofreceranse numerosos obradoiros: baile-xogos, olaría, achegamento ao traxe popular e baile na Serra do Suído.