Folclore e letras galegas fúndense no festival Caramiñas da Pobra
Como xa é habitual por estas datas, a Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Caramiñas bota a andar un novo festival, que conta coa colaboración da Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal. Terá lugar no domingo 5, ás 20.00 horas, no teatro cine Elma, se ben a apertura de portas será ás 19.30 horas.
Baixo o nome Tradición e Luísa Villalta, esta xornada de canto, baile e música tradicional da Escola de Baile e Pandeireta Caramiñas estará precedida dunha introdución á vida e obra da poetisa, ademais de lles dar lectura a poemas durante o transcurso desta actividade. Ao coincidir co Día da Nai, faráselles tamén un guiño ás nais. Participará, así mesmo, o grupo de música tradicional Caraveiros.
Con respecto a isto, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, manifesta que se trata “dunha cita tradicional como antesala á programación polo Día das Letras Galegas, poñendo o foco, con esta acción, na nosa música.”
A entrada é libre ata completa-la cabida.