A creación do xardín veciñal da Ribeiriña continúa nesta fin de semana
A fase de implantación do xardín veciñal na contorna do centro sociocultural da Ribeiriña continuará nesta fin de semana, 18 e 19 de maio.
Esta iniciativa botou a andar no 20 de abril da man da Concellaría da Participación Veciñal da Pobra do Caramiñal xunto con Agrofloresta Viva, a Asociación de veciños Ribeiriña-Conchido e Senda Verde para a rexeneración paisaxística da referida zona seguindo a permacultura; unha forma de deseño de espazos sostibles. Isto complementa a reforma integral do dito centro rematada a finais do 2023.
Os obxectivos desta acción son xerar espírito de comunidade mediante a cocreación dunha zona axardinada, descentraliza-las propostas lúdico-formativas do núcleo urbano para levalas ao rural e aprender sobre xardinaría.
A programación inclúe unha introdución á xardinaría rexenerativa; o deseño e creación do xardín veciñal; a selección de plantas adaptadas, perennes e multifuncionais; biopreparados e compostaxe para horta e xardín; círculo de saberes e tradicións; plantación e acolchado, deseño participativo de próximas actividades e xantar compartido. Tamén haberá mantemento durante todo o ano.
Poden formalizarse aínda as inscricións mediante o enderezo electrónico participacionvecinhal@gmail.com.