O Concello da Pobra ofrécelles servizo de asesoramento integral ao comercio
O apoio do Concello da Pobra do Caramiñal ao fortalecemento do comercio local tradúcese na posta en marcha dunha nova prestación. Consiste nun servizo de asesoramento integral para os ditos negocios locais por ser “unha parte fundamental da nosa economía e que serven para dinamiza-las vilas”, segundo manifesta a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo.
Preténdese así, nas palabras da edil, darlles facilidades a comerciantes para a mellora do rendemento dos seus establecementos. Dende o mes de abril, unha técnica en márketing visual aborda diversos aspectos como a decoración dos escaparates, a xestión económica ou a relación con provedores e clientela, a través de tres fases: a diagnose, a execución e o seguimento.
Un total de 70 negocios da localidade, tanto do núcleo urbano coma do rural, son perceptores deste soporte de balde que brinda a Concellaría da Promoción Económica. A profesional, Cany Juncal, indica que actualmente xa está na fase de execución preto dunha trintena de locais. Trátase de analiza-las infraestruturas, promoción do produto, decoración e estratexia de márketing para, despois, leva-lo estudo coas propostas de mellora e optimización do traballo coa finalidade de, logo de seren executados os cambios, face-lo seguimento para acada-los obxectivos marcados.
Un dos comercios beneficiarios é Azafrán, cuxa propietaria, Chus Santamaría, cualifica como “marabillosa” a súa experiencia con este servizo. De feito, xa incorporou algunhas das suxestións para a mellora do seu negocio. Ademais, destacou as facilidades, pois non só hai atención presencial dúas veces por semana, senón tamén telefónica fóra desas xornadas.
Máis información no teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035, ou no enderezo electrónico promocioneconomicapobra@gmail.com.