O Deporte na Pobra 2024 promove o exercicio físico no verán cunha ampla oferta
O Concello da Pobra do Caramiñal achega unha nova edición do programa para desfrutar do deporte durante o verán de 2024, coa colaboración dos clubs da localidade.
A oferta dirixida á rapazada consta de fútbol de praia, fútbol sala mixto de iniciación, tenis, patinaxe artística, baloncesto, atletismo, fútbol de base, remo, vólei de praia, xadrez e piragüismo. Tamén se dispón de actividades para as persoas adultas como pilates, camiñadas + estiramentos, ximnasia de mantemento, camiñadas para maiores, ximnasia para maiores, baile de salsa e ritmo latino e vólei de praia.
“Con esta nova edición de O Deporte na Pobra corroboramos o compromiso da Administración local coas distintas disciplinas e cos nosos clubs. Apostamos por promover a actividade física en tódalas idades durante o verán con clases, moitas delas, ao aire libre aproveitando o bo tempo. Dispoñemos dunha ampla oferta deportiva que dinamizará a nosa vila nos próximos meses. E, ademais, decidimos incorporar algunhas novidades como a impartición de baile e ritmo latino ou o piragüismo para diversificar un chisco este programa”, apunta o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, na compaña da técnica municipal desta área, Ana Romero.
O período de preinscrición abre ás 10.00 horas do 17 de xuño. Este trámite efectuarase no rexistro do Concello ou a través da sede electrónica. O pagamento efectuarase unha vez confirmada a matrícula.
Durante esta época estival tamén se contará con numerosas competicións: I Trofeo Rodas / Niveis Patinaxe Artística, III Carreira Solidaria Móvete pola Diabetes, XIX Bandeira Traiñeiras Concello da Pobra do Caramiñal, Torneo Basket Pobra 3×3, Tenis-Circuíto do Barbanza, L Trofeo Conde de Fenosa de fútbol, Torneo de Vólei Praia, IX Torneo Xadrez na Rúa, XV Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal, LXIII Milla Urbana Nocturna, VII Cronoescalada Subida á Curota, Torneo Escolar de Xadrez Concello da Pobra e Xornada de xogos de mesa.
E, no apartado de deporte para todas e todos, haberá a XXXII Festa da Bici e Día do Deporte na Rúa.
Máis información na oficina dos Deportes, situada na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, co teléfono de contacto 981831545 e o enderezo electrónico deportes@apobra.gal.