A Semana do Mar exaltará a tradición mariñeira da Pobra do 5 ao 14 de xullo
O inicio do mes de xullo estará marcado na Pobra do Caramiñal pola Semana do Mar para seguir afondando no vínculo da localidade co mundo marítimo. A concelleira do Turismo, Estefanía Ramos, e unha das técnicas municipais desta área, Sara Sánchez, foron as encargadas de presentar esta nova convocatoria que se estenderá do 5 ao 14 de xullo.
“O noso litoral é pasado, presente e futuro. Fala de onde vimos e quen somos como pobo, pero tamén ten un alto potencial a nivel turístico. Por esa razón, dende a Concellaría do Turismo vertebramos gran parte da nosa liña estratéxica arredor da costa. E estamos no verán, polo que non hai mellor ocasión para seguir explorando a tradición mariñeira da Pobra do Caramiñal. Para iso, traemos actividades de diversa natureza e para tódolos públicos. Combinamos así novas propostas con outras afianzadas xa nas anteriores edicións da Semana do Mar”, remarca a edil.
Un dos pratos fortes desta programación é a feira mariñeira que dinamizará o núcleo urbano nos días 12, 13 e 14. Arredor de 40 postos de artesanía e alimentación concentraranse na praza Victoriano García Martí, no Cantón da Leña, nas rúas do Estremo e Unión e os Xardíns de Valle-Inclán. Habilitarase tamén unha área exclusiva para o divertimento das crianzas.
Se ben o cartel xa arranca no día 5 coa apertura da exposición Compañeiras do mar e do ceo, cedida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). Poderá visitarse na Casa Mariñeira ata o día 14, no horario habitual da oficina do Turismo.
Tamén hai unha actividade pensada en exclusiva para as nenas e nenos: o espectáculo infantil Abordaxe pirata, de Barafunda Teatro. Representarase no día 8, ás 20.30 horas, no Cantón da Leña.
Na xornada seguinte, día 9, porase o foco na gastronomía cunha mostra e degustación culinaria en base á conserva con Miguel Mosteiro. Terá lugar nos Xardíns de Valle-Inclán, ás 20.00 horas.
E no día 12 será o momento de vivir a pé de praia o turismo mariñeiro. As mariscadoras explicarán o seu oficio para despois experimenta-lo en primeira persoa. A saída efectuarase dende a Casa Mariñeira con dirección á praia dos Areos, ás 11.00 horas, e require inscrición previa, se ben é de balde.
Para máis información e reserva de praza no obradoiro de marisqueo a pé habilítanse as seguintes canles: de maneira presencial na propia oficina do turismo (de luns a venres, de 09.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.00 horas, e nos sábados, de 10.00 a 14.00 horas); telefonicamente no 981843280 (marcando a extensión 2035), 687482835 ou 671090262; e no enderezo electrónico turismo@apobra.gal.