Unha visita guiada neste 18 de xullo permite coñece-la escavación arqueolóxica da Corte do Santo
A Corte do Santo está sendo obxecto nestes días dunha prospección arqueolóxica para revelar os segredos desta zona da serra do Barbanza, a carón do río Pedras. Trátase dunha intervención promovida polo Concello da Pobra do Caramiñal en coordinación coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Esta escavación poderá coñecerse en formato de visita guiada neste xoves 18, ás 18.00 horas, con punto de encontro establecido na ponte da Portela. Amosarase o avance dos traballos realizados ao longo desta semana.
A hipótese que se manexa sobre este lugar é a existencia dun posible eremitorio que podería datar entre finais da Alta Idade Media e a Plena Idade Media; idea da que parte o equipo arqueolóxico conformado polo Laboratorio de Arqueoloxía Medieval da USC.
“Se hai algo que diferencia A Pobra do Caramiñal é o patrimonio que temos. Xa adquirimos a casa da cadea para a súa rehabilitación e consecuente valorización, temos un espectacular núcleo histórico, edificios como a torre de Bermúdez, roteiros patrimoniais… E a escavación do xacemento da Corte do Santo é un paso máis no noso firme compromiso de coidar, investigar e divulga-lo noso patrimonio material e inmaterial”, declara o alcalde e titular da Concellaría do Patrimonio, José Carlos Vidal, porque “a serra ten aínda moito por contarnos sobre o noso pasado e ben sabemos que o río Pedras destaca pola gran riqueza natural e paisaxística, pero queremos afondar tamén na histórica.” O rexedor explica que estes labores permitirán esclarece-lo tipo de xacemento, conseguir datacións absolutas para definir a secuencia cronolóxica e comeza-lo proceso para definir unha estratexia cara a posta en valor da Corte do Santo. “Agardaremos expectantes a unha nova edición das xornadas de divulgación histórica e patrimonial A Pobra do Caramiñal no Tempo, que se celebrará a finais do mes de setembro, para coñece-los resultados”, engade.
A dirección desta campaña arqueolóxica corre a cargo do investigador Mario Ramos Soriano (USC), en colaboración coa empresa Tempos Arqueólogos e co financiamento tanto do Concello da Pobra do Caramiñal como do proxecto ECOLOC dirixido polo profesor da universidade compostelá, José Carlos Sánchez Pardo, con fondos do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.