Vendeuse a totalidade das entradas para o Xantar de Confraternidade da Pobra
A Pobra do Caramiñal celebrará o seu Xantar de Confraternidade no 25 de outubro, ás 14.00 horas, co polideportivo municipal de Venecia como gran salón de eventos. Trátase dunha cita que sentará á mesa 750 comensais que desfrutarán dunha carta composta por dous mariscos, peixe, carne, sobremesa, café e bebidas variadas.
Dende a apertura das inscricións, no 7 de outubro, xa se vendeu a totalidade das entradas a un prezo de 18 euros por persoa.
Con relación a isto, a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos, valora moi positivamente a acollida neste ano non só por parte das persoas maiores da Pobra, senón tamén doutros municipios da contorna “para desfrutar da boa compañía, do menú preparado para a ocasión, da música… En definitiva, gozar dunha xornada para coñecer xente nova, compartir tempo coas amizades e divertirse.” Ramos agradece tamén a achega económica de empresas colaboradoras. A recepción contará coa música tradicional de Trécola, mentres que Mar Davila Trío marcará o ritmo do baile da tarde.