Robótica e Deseño e Impresión 3D integran a oferta formativa da Pobra en competencias dixitais durante o mes de novembro
O Concello da Pobra do Caramiñal segue ensinándolle competencias dixitais á cidadanía. No mes de novembro impartiranse un obradoiro de robótica e outro de deseño e impresión 3D.
Con relación a estas dúas actividades, o concelleiro da Mocidade, Eloy Sobrido, explica que “decidimos darlle continuidade a esta serie de accións para seguir capacitando a veciñanza no uso das novas tecnoloxías. Optamos por redimensiona-la oferta respecto da que tivemos no mes de abril. Por iso traemos agora a robótica.” Engade que “pretendemos así tamén dinamiza-la Casa da Mocidade, que teña accións de natureza formativa. Para iso contamos cun moi bo equipamento como, por exemplo, as impresoras 3D. Pero tamén queremos que esta instalación municipal se erixa como punto de encontro da xente nova, especialmente nesta tempada.”
Ámbolos dous talleres son de balde e desenvolveranse nos martes 5, 12, 19 e 26, na Casa da Mocidade. Robótica terá lugar das 16.00 ás 18.00 horas e versará sobre a programación de videoxogos en Scratch; electrónica e programación de compoñentes en S4A; e manexo e programación dun robot.
Doutra banda, Deseño e Impresión 3D será dende as 18.00 ata as 20.00 horas, tramo no cal se fará unha introdución á impresión 3D, deseños en Tinkercad, instalación e uso do laminador Cura e impresión de pezas.
Para a asistencia, requírese a inscrición previa obrigatoria a través do enderezo electrónico mocidade@apobra.gal ou do teléfono de contacto 981843281.