A Pobra participa na Campaña da Neve 2025 cun total de sete prazas
Un ano máis, a Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal participa na Campaña da Neve que impulsa a Deputación da Coruña. A rapazada da provincia con idades comprendidas entre os 11 e os 15 anos poderá desfrutar de deportes de inverno en Valgrande-Pajares (Asturias).
“Esta iniciativa permite que, durante uns días, experimenten prácticas deportivas propias da estación invernal con cursos de esquí e outras actividades complementarias, ademais de compartir vivencias con xente doutros municipios”, indica o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido.
Concedéronse un total de 7 prazas á Pobra do Caramiñal, correspondentes coa quinta quenda que vai do 7 ao 10 de febreiro de 2025.
O documento de preinscrición está ao dispor na páxina web www.apobra.gal. Deberase entregar debidamente cuberto no rexistro do Concello xunto co resto de documentación requirida. Este trámite poderá formalizarse ata as 14.00 horas do 2 de decembro.
A cota de participación establécese nos 85 euros, contía que non se debe aboar ata que a Administración local confirme a praza.