Saída ao campo, premios e degustación gastronómica, broche de ouro das VIII Xornadas Micolóxicas da Pobra
A Pobra do Caramiñal afondou por oitavo ano consecutivo no mundo dos fungos coas VIII Xornadas Micolóxicas que promove a Concellaría do Medio Ambiente “co afán de divulga-las propiedades e aproveitamentos dun recurso natural que temos nos nosos bosques. A Pobra goza dunha gran biodiversidade no seu litoral, pero tamén nos seus montes. É iso o queremos explorar no outono”, manifesta o concelleiro do Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro.
Durante a pasada semana desenvolvéronse o conxunto das actividades cun marcado carácter ambiental dirixido tanto á comunidade educativa da primaria como á poboación en xeral.
Leváronse obradoiros micófilos e unha exposición integrada polas imaxes galardoadas nas convocatorias previas do concurso fotográfico aos CEP Salustiano Rey Eiras e CEP Pilar Maestú Sierra, ademais dunha charla sobre gastronomía e nutracéutica e un taller de inoculación de shiitake para a cidadanía en xeral.
Se ben o groso das propostas concentrouse no domingo 10. Primeiramente houbo unha expedición pola zona de Cabío para inspeccionar algunhas das especies de fungos que máis abundan neste territorio para conformar unha pequena exposición que tivo lugar deseguido no mercado municipal. Foi esta instalación municipal o lugar elixido tamén para un showcooking da man de Luis Arijón, xefe de cociña do restaurante Nojira, con diferentes e innovadoras receitas en base aos cogomelos. E, previamente, fíxose entrega dos premios do VIII Concurso Fotográfico de Micoloxía, que rexistrou unha participación de 63 instantáneas. O alcalde, José Carlos Vidal, fixo entrega dos galardóns que repartiron un total de 750 euros en premios baixo o formato de vales de compra para trocar no comercio local ou en https://www.deanshop.es/.
Sergio Pérez Boullón recolleu a primeira distinción, Tomás Rodríguez Novoa acadou a segunda e Ramón Carlos Encisa Fraga fíxose coa terceira.