O tahumi xa loce en todo o seu esplendor á entrada do parque infantil do Castelo
A rapazada do centro ocupacional do CAD dotou de cor o tahumi elaborado polo dúo de artesáns de SonAgasallo, Ruth González e José Manuel Riveiro.
Trátase dun proxecto socioeducativo impulsado pola Concellaría do Ensino da Pobra do Caramiñal que “busca darlle unha segunda vida á natureza morta a través dunha iniciativa que implica ao CAD na elaboración dunha criatura máxica que preside a entrada do parque infantil do Castelo; un lugar con moita visibilidade dada a alta afluencia que rexistra este espazo e para que toda a veciñanza poidamos contempla-lo bo facer dos artesáns e da rapazada do centro ocupacional”, declara a edil Amparo Cerecedo. Engade que “continuamos así na liña de colaboración cos artesáns que se iniciara co Mercado do Nadal e co obradoiro Feito coas túas mans.”
Este proceso de transformación dun toco de árbore en arte diferenciouse en dúas fases: a talla correu a cargo exclusivamente de SonAgasallo para, despois, incorpora-la creatividade da rapazada do centro ocupacional coa aplicación de cor e tratamento.
O tahumi é un ser concibido polos artesáns que toma o seu nome do monte Tahume e que se encarga de protexe-la natureza. É unha criatura similar a un trasgo a carón dun cogomelo.