
A rapazada do CAD participará nun proxecto socioeducativo que converterá un toco de madeira nun ser máxico
Froito do contacto continuo entre o Concello da Pobra do Caramiñal e artesáns e artesás nace unha nova liña de colaboración.
Á participación no Mercado do Nadal e no obradoiro Feito coas túas mans únese agora un proxecto socioeducativo dirixido á rapazada do centro ocupacional do CAD.
Durante os meses de outubro e novembro, no horario da mañá, Ruth González e José Manuel Riveiro, de SonAgasallo, converterán o toco dunha árbore nun ser máxico: o tahumi. Trátase dunha criatura, similar a un trasgo, inventada por este dúo de persoas artesás, que toma o nome do monte Tahume e coida a natureza: protexe a contorna, a súa fauna e flora.
Trátase dunha iniciativa que busca “darlle unha segunda vida á natureza morta como mensaxe á veciñanza de que sempre hai unha segunda oportunidade”, nas palabras da concelleira do Ensino, Amparo Cerecedo.
O proceso de elaboración diferenciarase en dúas fases. A primeira consistirá na talla exclusivamente a cargo de SonAgasallo e, na segunda, incorporarase a razapada do CAD para a aplicación de tratamento e da cor.
A figura consistirá nun gran cogomelo e un ser máxico que presidirá a entrada do parque infantil do Castelo, o cal conta con moita afluencia de crianzas.