A Pobra, Ribeira e Porto do Son dinamizan o seu comercio con convites á clientela a patinar sobre xeo
A Asociación de Empresarios de Ribeira promove a instalación dunha pista de xeo na avenida do Malecón ribeirense que estará operativa do 6 de decembro ao 12 de xaneiro, se ben o acto de inauguración será no día 5. Trátase dunha iniciativa que se impulsa coa colaboración dos Concellos da Pobra do Caramiñal, Ribeira e Porto do Son, cuxo tecido comercial participará co repartimento de entradas entre a súa clientela.
Na presentación estivo a concelleira da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal, Amparo Cerecedo, xunto co alcalde de Ribeira, Luís Pérez; o primeiro tenente de alcalde ribeirense, Vicente Mariño; e o presidente da patronal, Francisco Martínez. A edil manifestou que “esta actividade contribúe a incentiva-las compras no comercio e ofrecerlle á veciñanza máis opcións para o desfrute do Nadal. Bríndase así unha proposta lúdica de maneira mancomunada grazas á boa sintonía de tres Administracións locais e a patronal ribeirense. Isto redunda nun enriquecemento da oferta que lanzamos os distintos territorios nesta época.” Cerecedo tamén fixo fincapé en que “o feito de que a pista se sitúe en Ribeira, non supón un detrimento para a dinamización social e económica da Pobra. Todo o contrario: é un aliciente máis para consumir nos nosos negocios de proximidade, pois terán ocasión de obsequiar á súa clientela con estes tíckets. Ademais, na nosa localidade contamos cunha intensa, atractiva e diferenciadora programación para estas datas. A pista de xeo é unha opción máis que impulsamos conxuntamente co afán de non xerar unha competencia entre os municipios. As festas de cada un teñen a súa propia idiosincrasia.”
Para quen non realice compras nos establecementos locais, o custe de acceso establécese nos sete euros; unha tarifa que será rebaixada para entidades sociais, colexios ou asociacións de nais e pais.