
Actividades Turísticas de Semana Santa 2025
Numerosos actos litúrxicos sucederanse na Pobra do Caramiñal durante a Semana Santa, unha época de afluencia turística significativa. Por iso, a Concellaría do Turismo bota a andar un programa de actividades coas cales potencia-los recursos naturais e patrimoniais da localidade, segundo desvelou a concelleira do Turismo, Estefanía Ramos, na compaña das técnicas municipais desta área, Sara Sánchez e Ángeles Tubío.
A edil incidiu que a pretensión con estas actividades é que as persoas que nos visitan teñan a oportunidade de vivir en primeira persoa a identidade do noso concello.
O proceso extractivo dos bivalvos poderase experimentar na propia praia no 16 de abril cun obradoiro de marisqueo a pé. Sairase das inmediacións da Casa Mariñeira, ás 11:00 horas, en dirección ós Areos. Requírese a inscrición previa. O importe por aboar sitúase nos 12 euros e para menores de 10 anos, 6 euros. Inclúe a entrega do receitario elaborado pola hostalaría local.
Tamén o mesmo mércores pola tarde a partir das 17:30 h na praza do Cantón da Leña haberá para a delicia da rapazada xogos tradicionais de balde.
No Xoves Santo, 17 de abril, ás 11:00 h partirase da Casa Mariñeira para realizar unha ruta guiada polo centro da vila e coñece-la importancia das edificacións históricas: entre elas, a torre de Bermúdez, declarada “monumento histórico- artístico de carácter nacional” e as dúas igrexas. A guía Ángeles Tubío dará coñece-la historia e o porqué das tradicións arraigadas na vila. O percorrido é de dificultade baixa e terá unha duración de 1 h e media. Recoméndase que asistan persoas maiores de 12 anos.
No Sábado de Pascua, 19 de abril, emprenderase unha ruta guiada de 3 quilómetros polo río das Pedras. O guía Joaquín Rubal ensinará aspectos relacionados coa tradición oral e a xeoloxía do lugar. A dificultade do itinerario é media-alta, polo cal se recomenda para maiores de 10 anos. O punto de encontro establécese fronte a Casa Mariñeira ás 10:00 horas. Tamén é preciso inscribirse por un importe de 15’00 euros, que inclúe o traslado nun microbús ata a parte baixa da dita paraxe natural, A Aldea Vella e o miradoiro de Valle-Inclán na montaña da Curota.
Máis información e inscricións na oficina do turismo da Pobra do Caramiñal, situada na contorna do parque do Castelo, mediante o enderezo electrónico turismo@apobra.gal ou nos teléfonos de contacto 671 090 262, 687 482 835 e 981 843 280, marcando a extensión 2035.
Durante a Semana Santa se amplía o horario de atención da oficina do turismo, de luns a sábado, en quendas de mañá e de tarde.