
Cinco equipos loitarán por conquistar a XX Bandeira Concello da Pobra
A Pobra vivirá o sábado, 12 de xullo, unha das probas deportivas con máis historia do municipio: a XX Bandeira Concello da Pobra. A cita, organizada polo Club Remo Puebla en colaboración co Concello, está encadrada dentro da Liga Galega de Traiñeiras B. A sala de xuntas do Concello acolleu, esta mañá, a presentación oficial a cargo do concelleiro de Deportes, Eloy Sobrido, do presidente do Club Remo Puebla, Emilio Dieste, do xerente da Liga Galega de Traíñas, Jonathan Fernández, e o remeiro do club pobrense, Diego Cabezudo Pérez. En total, serán cinco os equipos que loitarán por conquistar o certame: o Club de Remo A Cabana-Ferrol, Club de Remo Chapela-Wofco, o Club do Mar Bueu-Simei, o Club Regatas Perillo e, ademais, o Club Remo Puebla como anfitrión e organizador.
Durante a súa intervención, o edil incidiu en que a XX Bandeira Concello da Pobra é “un dos eventos deportivos do verán, non só pola súa historia, senón tamén porque forma parte da Liga Galega de Traiñeiras”. Sobrido confía en que, tras unha tempada de éxitos, “o Club Remo Puebla volva deixar o pavillón ben alto”. Entre eles, o edil lembrou os resultados do Campionato de España de Traiñeiriñas, un certame no que o equipo de cadetes masculino se converteu en campión de España. A isto hai que sumar, ademais, os logros do Campionato de España de Bateis, onde o Puebla se fixo cun metal de ouro na categoría alevín masculino e cun bronce na de cadete masculino, cun cuarto posto en infantil masculino (final A), cun quinto lugar en alevín e cadete feminino (final A), cun sétimo posto na categoría xuvenil masculino (desde a final B) e cun noveno lugar na de infantil feminino (desde a final B). O último triunfo conseguiuno o equipo de veteranas do Club Remo Puebla, que gañou a Liga Galega de Veteranas a finais de xuño.
A regata do día 12 celebrarase en dúas quendas (ás 17.30 e ás 18.00 horas). En canto ao formato, este será en liña, e os equipos deberán cubrir seis longos, o que suporá unha distancia total de 5.556 metros.




