Últimas Novas

A Pobra achega novamente a opción de conciliar durante o verán

A Pobra achega novamente a opción de conciliar durante o verán

Para esta tempada estival, o Concello da Pobra do Caramiñal achega novamente a opción de conciliar cos obradoiros Móvete que se desenvolverán no CEP Salustiano Rey Eiras dende o día 23 de xuño ata 8 de setembro e que están destinados a nenos e nenas de 3 a 12 anos durante as vacacións do verán. Así o anunciaron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra); e o coordinador dos obradoiros, Rubén López.

O programa oferta a práctica de actividades lúdicas, culturais, deportivas e de xogo libre adaptadas a cada rango de idade.

Haberá catro quendas: a primeira será do día 23 ata 30 de xuño, por un importe de 15 euros; a segunda correspóndese con xullo, por 60 euros; a terceira, con agosto, por 60 euros; e a cuarta, co período comprendido dende o día 1 ata 8 de setembro, por 15 euros. Aplicarase un desconto do 50% á segunda irmá ou irmán e será de balde para o/a terceiro/a. Transcorrerán de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas, con posibilidade de entrar ás 10.00 horas.

Ademais, haberá o Servizo de Madruga (con diferentes prezos dependendo de se o/a cativo/cativa entra a partir das 07.30 ou das 08.00 horas) e a prestación de comedor de 14.00 a 16.00 horas.

As prazas son limitadas e estipúlase o día 21 de xuño como data límite para formaliza-la inscrición na primeira quenda a través da oficina de Deportes do Concello, situada na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler. As persoas interesadas poden solicitar máis información nos teléfonos de contacto 981832590 e 981831545, ou no enderezo electrónico deportes@apobra.gal.

Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19.