Últimas Novas

A Pobra conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller con varias actividades

A Pobra conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller con varias actividades

Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, no 25 de novembro, a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal impulsa unha programación co obxectivo de concienciar sobre a violencia de xénero para sensibilizar, previr e educa-la cidadanía coa finalidade de erradicar unha praga que afecta toda a sociedade. Así o desvelaron no mediodía de onte o alcalde, Xosé Lois Piñeiro; a concelleira da Igualdade, Charo Varela; a asesora xurídica á muller, María Pérez; e Fran Gómez, en representación da Asociación Barbancesa de Axuda e Solidariedade (ABAS).

A edil Charo Varela explicou que, ao longo de todo o mes de novembro e de todo o ano, se estiveron desenvolvendo diversas actividades a prol da igualdade entre homes e mulleres, de contribuír á mellora da autoestima e apoderamento feminino, e axudar a elimina-la violencia de xénero. De cara á programación que terá lugar nos vindeiros días, anunciou que se estreará en plataformas dixitais o vídeo 25-N: As mulleres falan, do cal sinalou que está “feito por mulleres, onde falan de violencia, de esperanza e do que significa o 25-N, a importancia que ten que se siga recordando que a violencia contra as mulleres aínda existe e é algo que temos que loitar cada día todos e todas en tódalas institucións para erradicala de forma drástica.”

Así mesmo, o Auditorio do Museo Valle-Inclán albergará neste sábado 21, ás 19.00 horas, o II Foro Muller e Liderado, o cal está organizado pola ABAS coa colaboración do Concello, a Deputación da Coruña e a Fundación Barrié. Moderado por Raquel López, a representante da muller na política será Rosana Pérez, exdeputada no Congreso e deputada no Parlamento galego; no sindicalismo, Laura Cereijo, das CC. OO. en Santiago-Barbanza; no mar, Beatriz Olveira, presidenta da asociación de mariscadoras a pé da Confraría da Pobra do Caramiñal; e no tecido asociativo, Rosario Piñeiro, da Comunidade de Montes de Esteiro e AA. VV. Parameán. Tamén se procederá á entrega de premios do III Concurso de Relatos Breves Historias de Mulleres, que contou coa participación de 80 persoas e no cal se incorporou a categoría diversa. Estas actividades enmárcanse no proxecto Sálvora, o cal conta coa colaboración da Deputación da Coruña e que “busca concienciar, sensibilizar e facer reflexionar sobre a igualdade”, tal e como expuxo Fran Gómez, en representación da ABAS. Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19.

Pola súa parte, a asesora xurídica á muller, María Pérez, sinalou que no día de hoxe concluíu o obradoiro Dixitalizad@s. Eliminando a fenda dixital de xénero, e nas semanas previas tivo lugar un taller de autoestima e a sexta edición das Xornadas Muller e Ciencia.

Finalmente, o rexedor, Xosé Lois Piñeiro, agradeceu o traballo da Concellaría da Igualdade por facer posible esta programación, así como á ABAS pola súa implicación. Do mesmo xeito, manifestou que “gústanos que non sexa unha simple efeméride celebra-lo 25 de novembro como un acto simbólico, senón que todo o mes se encha de actividades e que estea moi presente a sensibilización da cidadanía.”

Cómpre lembrar que o Concello se adheriu neste 2020 a DE FRONTE á violencia de xénero, a nova campaña impulsada pola Deputación da Coruña. Ademais, a Administración local fai parte da En negro contra as violencias, á cal leva adherida varios anos, e mediante a cal se repartirán 1000 máscaras entre os centros educativos do termo municipal.