Últimas Novas

As xornadas <i>A Pobra do Caramiñal no Tempo</i> volven afondar na historia, cultura e patrimonio

As xornadas A Pobra do Caramiñal no Tempo volven afondar na historia, cultura e patrimonio

A terceira convocatoria das xornadas A Pobra do Caramiñal no Tempo transcorrerá na tarde do sábado 28 e na mañá do domingo 29 para divulga-la historia, cultura e patrimonio do municipio. A este acto de presentación asistiron o alcalde Xosé Lois Piñeiro; a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e os impulsores deste evento, José Carlos Vidal e Manuel Gago.

A edil Patricia Lojo manifestou que se trata dunha actividade xa consolidada no calendario pobrense, pretendendo dende a área da Cultura “dar a coñece-la historia, a cultura e o patrimonio do noso concello para que os asistentes, veciñas e veciños poidan coñecer un pouco o pasado e así axudalos a comprende-lo noso presente no contexto destas xornadas.” Para tal fin, segundo apuntou, contarase con relatores de relevancia que afondarán en diversas épocas e aspectos -tales como a antropoloxía, os costumes, o folclore…-. Ademais, indicou que a parte teórica se complementará coa práctica a través dun percorrido por distintos espazos.

Pola súa parte, Manuel Gago expuxo que estas xornadas xorden pensadas para a veciñanza, pois “nós notamos nas primeiras edicións que a historia e a cultura local interesan. Hai fame e demanda deste tipo de información e coñecementos.” Deste xeito, fixo fincapé en que se trata dun evento participativo, creando así “unha conversa arredor da propia identidade da Pobra do Caramiñal.” Búscase así tamén facer que o legado se coñeza e persista no futuro.

Na súa intervención, José Carlos Vidal explicou que a saída está relacionada con contidos tratados nalgunha das charlas, como sucede, por exemplo, coa igrexa de Santa Cruz de Lesón -da cal se celebra, segundo precisou, o centenario das novas obras do templo- ou coa barca de San Amaro, tamén coñecida como barca de San Xoán, unha peza “moi pouco estudada, practicamente inédita, pero eu diría que única no panorama arqueolóxico galego.”

O rexedor Xosé Lois Piñeiro expresou o seu agradecemento ás persoas que fan posíbel o desenvolvemento deste evento e engadiu que outro dos obxectivos é “aprender a quere-lo noso patrimonio e a demanda-la súa conservación.”

O sábado 28 estará dedicado ás conferencias, con catro en total. A tarde arrancará coa inauguración desta convocatoria para dar paso a un primeiro coloquio da man de Manuel Gago, xornalista e profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC), con Mitos e lendas da Pobra do Caramiñal. Deseguido, será a quenda de A igrexa de Santa Cruz de Lesón: 15 séculos de historia, a cargo de Antonio González, director do Museo Valle-Inclán.

Posteriormente, e tras un descanso, o historiador Anselmo López impartirá o relatorio Conflitos de poder na Baixa Idade Media no Caramiñal. A seguir, Rafael García, profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC), ofrecerá a conferencia Xullo de 1936 na Pobra do Caramiñal.

Os relatorios comezarán ás 16.30 horas no Elma e concluirán ás 19.50 horas. Será nesta ocasión cando se reparta como agasallo entre as persoas asistentes o póster As lendas do río das Pedras, do ilustrador Miguel Robledo.

Ademais, inclúese unha visita, no domingo 29, a partir das 10.00 horas, á igrexa de Santa Cruz de Lesón, o cruceiro de San Amaro, A Aldea Vella, o mosteiro de San Xoán da Misarela e a barca de San Amaro. Os guías serán Manuel Gago, no relacionado coas lendas e mitos, e Antonio González, no que respecta á igrexa. A duración será de arredor de 2 horas.

As actividades transcorrerán seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal as persoas interesadas en asistir deberán formaliza-la súa reserva a través do enderezo electrónico bibliotecadapobradocaraminal@gmail.com ou do teléfono de contacto 981831633.

Cómpre sinalar que as charlas do sábado 28 serán retransmitidas pola canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal e o vídeo quedará gardado para quen desexar visionalo posteriormente.