Últimas Novas

Luns 25 de maio, reapertura da casa consistorial da Pobra do Caramiñal ó público

Luns 25 de maio, reapertura da casa consistorial da Pobra do Caramiñal ó público

            O Concello da Pobra do Caramiñal abriu hoxe, luns 25 de maio de 2020, de novo as súas portas para atender de maneira presencial a cidadanía.

Por este motivo aprobouse por  unha resolución da alcaldía o protocolo para a reincorporación ó traballo presencial e medidas de protección fronte ó Covid-19. Nel recóllense tódalas actuacións necesarias para evita-lo contaxio da enfermidade unha vez que a Administración municipal, de maneira paulatina, retome o seu funcionamento normal. A veciñanza debe coñece-las seguintes medidas de protección de cara a poder acceder ós servizos municipais:

Cómpre seguir en todo o momento as instrucións recollidas na sinalización sobre como actuar e onde dirixirse.

Deberase realizar unha adecuada hixiene das mans ó entrar nas dependencias municipais, empregando a solución hidroalcohólica dispoñíbel.

A máscara de protección deberase usar sempre que non se poida respecta-la distancia de seguridade, algo que é moi probábel dentro do edificio do Concello, e polo tanto pódese considerar que o seu uso é obrigatorio.

A atención presencial sen cita previa darase unicamente no rexistro municipal e no servizo de recadación. Nesta zona só se atenderá unha persoa de cada vez.

O vestíbulo será a única zona de espera, onde non poderán permanecer máis de 3 persoas. Estas deberanse situar nos lugares sinalados no chan, que gardan entre si a distancia de seguridade.

As reunións coa alcaldía, coas concellarías ou con calquera outro departamento funcionarán unicamente mediante a concertación de citas previas a través dalgún medio telemático como o correo electrónico ou a sede electrónica, ou tamén chamando ós seguintes números:

981 84 32 81 para a alcaldía e as concellarías
981 84 32 80 extensión 2009 para os demais departamentos

O uso do ascensor será sempre de xeito individual e exclusivo para as persoas con mobilidade reducida ou que teñan prioridade no seu uso por outros motivos xustificados.
O público visitante non poderá emprega-los equipamentos informáticos, material de oficina ou outros obxectos do persoal empregado público.

Se unha persoa presenta síntomas da enfermidade causada polo Covid-19 (febre, dificultades ó respirar, tose) deberá abandona-las dependencias municipais de inmediato.

Disporase nas dependencias municipais dun termómetro dixital por infravermellos que permitirá medi-la temperatura corporal se for preciso e co consentimento previo.

Para o uso da máquina do Servizo Público de Emprego (Sepe) será obrigatoria a desinfección das mans antes e despois do seu uso, coa solución hidroalcohólica alí dispoñíbel.

Agradecémo-la comprensión destas medidas e solicitámo-la máxima colaboración por parte de toda a veciñanza, pola seguridade de todos e todas.

20200520_Acordo_protocolo