
O Concello da Pobra presenta unha nova programación de viaxes ás Illas Atlánticas
O Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellería de Turismo, pon en marcha unha nova programación de viaxes ás Illas Atlánticas de Galicia en colaboración coa navieira Piratas de Nabia. A iniciativa permitirá realizar saídas ás illas Cíes, Ons e Sálvora ao longo dos próximos meses, ofrecendo á veciñanza e ás persoas visitantes a oportunidade de coñecer un dos espazos naturais máis destacados de Galicia.
A programación inclúe saídas ás illas Cíes os días 28 de xuño e 6 de setembro; á illa de Ons o 26 de xullo e o 23 de agosto; e á illa de Sálvora o 19 de xullo.
Como novidade, este verán desenvolverase a experiencia “Starlight na Illa de Sálvora”, unha actividade nocturna de observación astronómica prevista para o 8 de agosto, que permitirá descubrir este enclave natural desde unha perspectiva diferente.
Todas as rutas terán saída desde o porto da Pobra do Caramiñal e inclúen o transporte marítimo e visitas guiadas, contribuíndo a achegar o patrimonio natural e ambiental do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia a públicos de todas as idades.
Desde o Concello destacan a importancia de seguir impulsando iniciativas vinculadas ao turismo sostible, á divulgación dos valores naturais do territorio e á promoción da Pobra do Caramiñal como punto de partida para descubrir as Illas Atlánticas.
As reservas poden realizarse a través da páxina web de Piratas de Nabia




