Últimas Novas

O Nadal pobrense conta cun concurso de embelecemento de balcóns e fachadas

O Nadal pobrense conta cun concurso de embelecemento de balcóns e fachadas

De cara a unhas datas tan sinaladas como son as do Nadal, o Concello da Pobra do Caramiñal convoca a primeira edición do Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas, co cal se pretende incrementa-la ledicia e vistosidade das rúas. Así o desvelaron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro; a concelleira da Promoción Económica, Charo Varela; e a técnica municipal, Sara Sánchez.

A edil Charo Varela manifestou que, con esta iniciativa de cara a unhas datas tan especiais, as cales “implican colaboración, amizade, familia, desfrute, volta á casa”, a Administración local pretende “facelo un pouco diferente e que se sinta o Nadal dende fóra, que se respire Nadal en calquera parte da Pobra, en calquera parroquia.” Unha convocatoria que abrangue todo o termo municipal -Santa María a Antiga do Caramiñal, Santiago do Deán, Santo Isidro de Posmarcos, Santa Cruz de Lesón e Santa María do Xobre-, polo cal se establece un premio por parroquia consistente nunha cesta valorada en 200 euros composta de produto local, contribuíndo á dinamización e posta en valor do comercio de proximidade.

Pola súa parte, a técnica municipal, Sara Sánchez, explicou que a finalidade é “saca-lo Nadal á rúa e dar ledicia en cada recuncho da nosa vila, porque este Nadal vai ser moi atípico.” As bases completas están na páxina web www.apobra.gal e as solicitudes de inscrición serán remitidas por correo electrónico a turismoecomerciodapobra@gmail.com ou polo teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035. Será preciso indica-lo nome e o documento de identidade da persoa participante, o enderezo do balcón, fiestra ou fachada e o número de teléfono. A data límite para se anotar é no 30 de novembro.

Darase un prazo de 6 días para a ornamentación e, entre o día 6 de decembro e o 6 de xaneiro -ámbolos dous incluídos-, será obrigatorio que permaneza a decoración. As persoas inscritas deberán remitir por correo electrónico dúas fotografías, acompañadas do seu enderezo. O resultado deste concurso darase a coñecer no 22 de decembro.

Por último, o rexedor, Xosé Lois Piñeiro, expuxo a aposta por  que as actividades de promoción do comercio no Nadal continúen vixentes no calendario municipal, respectando as medidas implantadas por mor da COVID-19, e sinalou que a iniciativa presentada saíu dunha reunión que tivo lugar co comercio da Pobra. Así mesmo, expresou o seu agradecemento a tódalas persoas que fixeron posible a convocatoria deste concurso, animou a veciñanza a participar e insistiu en que así o Nadal tamén “se saca ao rural, conseguimos que teña un efecto visual atractivo para a xente e pensando nos nenos e nenas.”