Últimas Novas

Teatro e monólogos representaranse no Elma

Teatro e monólogos representaranse no Elma

A Pobra segue sumando actividades culturais ao seu calendario da tempada outono/inverno. Nesta ocasión, a programación focalízase no teatro, polo cal subirán ás táboas do Elma numerosas compañías encargadas de representa-las súas obras. As pezas teatrais clasifícanse en para maiores de 16 anos e para público infantil e familiar. Así o anunciaron na mañá de onte a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro.

A edil Patricia Lojo manifestou que os obxectivos son “ofrecer alternativas de ocio seguro para a nosa veciñanza”, facendo fincapé en que a “cultura é segura” de se facer coas medidas requiridas, ademais de que se pretende “reduci-lo impacto negativo da pandemia no sector cultural.”

Na súa intervención, a técnica da Cultura apuntou que, para o público infantil e familiar, “intentamos englobar música, teatro, monicreques… para ofrecer un abano máis amplo.”

O bloque da programación destinada a maiores de 16 anos comeza neste domingo 8, ás 19.00 horas, con Bernarda. Vilalba 1975, de Malasombra, a cal recolle o punto de partida de La casa de Bernarda Alba, escrita por Federico García Lorca en 1936. Trata así a historia dunha muller que queda viúva con fillas mozas e decreta un rigoroso loito, pero traslada a acción a unha vila galega case corenta anos máis tarde, en 1975, nun momento en que as ansias de cambios chocan coas tradicións máis arraigadas, como é neste caso o loito.

Continúa no domingo 15, ás 19.00 horas, da man de Teatro do Atlántico con Dúas donas que bailan, na cal se comparte o drama, os soños e os fracasos das complexas personaxes, nunha viaxe intensa, divertida e brutalmente conmovedora.

Señora Supina presenta Cinco mulleres que comen tortilla ás 19.00 horas do domingo 29. Trasladará o público á América de 1956, onde cinco mulleres sobreviven á caída dunha bomba atómica na súa localidade e, tras moitas confesións e historias do pasado, chegan á conclusión de que a tortilla é o máis importante que teñen nas súas vidas. A liberdade, a relixión, o feminismo, as moralidades ou o medo ao descoñecido son algúns dos motores desta obra.

Xa no mes de decembro, terán lugar as pezas teatrais dirixidas ao público infantil e familiar, as cales se adscriben ao Nadal Cultural. Baobab Teatro representa Puño Puñete  no martes, 22 de decembro, ás 18.30 horas. Este espectáculo aposta por unha forte poética e por promociona-la lingua galega. Unha viaxe a través das palabras e da música, rescatando ditos populares, refráns, poemas, lerias e enredos.

No mércores, 23 de decembro, ás 18.30 horas, Fantoches Baj presenta Os golfiños e o xigante. Trátase dun espectáculo de sombras chinesas que narra unha historia real extraída dunha nova que se fixo eco na prensa internacional.

Así mesmo, no luns, 28 de decembro, ás 18.30 horas, terá lugar A feira das linguas con Lydia Botana. Consiste nun concerto acústico cunha instrumentación variada: piano, acordeón, ukelele, caixón, instrumentos doutras culturas e mais autóctonos mesturados con bases electrónicas.

E Os limpa, limpa chegan da man de Expresións Produccións no martes, 29 de decembro, ás 18.30 horas. A través do teatro e o clown, transforma o mundo laboral nun universo único de creatividade, de xogo, de comedia e diversión.

Por último, para darlle a benvida ao ano 2021, en xaneiro será a quenda dos monólogos. Oswaldo Digón recala no domingo, 17 de xaneiro, ás 19.00 horas, para presenta-lo seu novo espectáculo móbil, non só polo seu percorrido, senón tamén polo seu contido cambiante e en constante crecemento, co seu selo único e orixinal.

No domingo, 24 de xaneiro, ás 19.00 horas, Apatacón trae Por unha peseta. Un traballo onde a voz narrada e cantada se achegan para atopar canto vale unha peseta. Historias da vida recollidas no noso contorno e que nos achegan a partes iguais ao humor, á sensibilidade e á tenrura propias da nosa xente.

Finalmente, Avelino González subirá ao escenario para lles achegar ás persoas asistentes Contos que foron chistes no domingo 31, ás 19.00 horas. Neste monólogo cóntanse moitos chistes con que hoxe rimos, pero que son unha adaptación de contos vellos. A función é rir e facer rir.

As entradas son de balde e, debido á situación sanitaria derivada do coronavirus, as persoas interesadas deben face-la súa reserva na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981831545. A dita programación está organizada pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Por outra banda, a concelleira lembrou que neste sábado 07, ás 20.00 horas, o grupo Amoenus ofrecerá un concerto. Quen desexe asistir de público pode solicita-la súa entrada a través das distintas plataformas onde ten presenza este grupo.

Tódalas actividades van desenvolverse seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19.