Inauguración da exposición de pinturas de Amalia Costa Bouzas
No venres 7 de outubro ás 20.00 h na casa da cultura da Pobra do Caramiñal será a inauguración da exposición de pinturas de Amalia Costa Bouzas.
Na inauguración da exposición actuará o grupo Percuta Percussión Grup (Marcos Carou, Brais Betanzos, Manuel Sobral e Brais Paisal), que interpretará os seguintes temas: Generalife de Enmanuel e Séjourne e Tico Tico de Arr. Will Rapp.
A exposición poderase visitar ata 31 de outubro, de luns a venres de 10.30 a 13.30 e de 17.00 a 20.30 h
Amalia Costa, pintora autodidacta, atopa a súa inspiración no mar, omnipresente na súa vila natal de Muros. Gústalle plasmar fondos mariños, evitando a figuración e o hiperrealismo, e centrando a atención na cor e as formas.
Tamén lle gustan as pozas que deixa ó descuberto a baixamar, fonte de vida mariña; e as láminas de auga da dársena, con infinitos reflexos do sol, as embarcacións, as boias, os reflectores na noite…
Atópase moi cómoda no acrílico sobre madeira e no formato grande, aínda que o intercala con pintura de aceite e tintas sobre lenzos.