Conferencia de SIRO, Siro López, arredor de D. Ramón del Valle-Inclán
Este mércores, 5 de outubro, a partir das 20:30 h o artista, comunicador e xornalista SIRO, Siro López Lorenzo, pronunciará a conferencia “VALLE-INCLÁN como modelo”, que será ilustrada por imaxes proxectadas da arte galega da caricatura. Será no Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal.
SIRO, rendido admirador de D. Ramón del Valle-Inclán é autor de centos de iconas para a prensa gráfica galega e española inspiradas nas creacións literarias e, sobre todo, na figura do escritor arousán. O seu xenio, as súas longas barbas, os seus quevedos, a súa expresividade son elementos característicos para defini-la imaxe clásica de quen foi a pluma e a voz titora da Xeración do 98, etapa literaria fértil en personalidades xeniais.
Precisamente é no Barbanza onde podemos admira-la colección de iconas valleinclanianas máis completa existente en institucións públicas do país, a serie “Valle-Inclán: retratos, caricaturas e visións”, doada polo polifacético artista ferrolán a este Museo Valle-Inclán. Coa voz da experiencia propia, como artista plástico orientado ó xornalismo e á divulgación de grandes valores culturais galegos, a intervención de SIRO non esquecerá ilustrarnos sobre a nómina de magníficos artistas que o precederon e adoptaron como modelo a ilustre figura do Fillo Adoptivo da vila do Caramiñal.
Con esta actividade darase inicio ó programa de actos conmemorativo do 150.º aniversario de Valle-Inclán, efeméride que se celebrará nas vilas valleinclanianas galegas grazas ó patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta.