
Exposición "Especies invasoras en Galicia"
Inauguración da exposición Especies invasoras en Galicia no sábado 11 de febreiro ás 20.00 h na casa da cultura Raquel Fernández Soler.
A mostra poderase visitar ata o día 6 de marzo.
As especies invasoras están consideradas como unha das principais ameazas á biodiversidade do planeta. Son plantas, animais, fungos e incluso microorganismos que o ser humano traslada dende o seu lugar de orixe a outras zonas do planeta onde se reproducen con tanto éxito que acaban sendo un problema para as especies nativas.
A Rede de Especies Invasoras (unha rede de grupos de investigación das universidades da Coruña, Santiago, Vigo e Coímbra) organiza unha exposición: Especies invasoras en Galicia. Esta exposición financiada pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta presenta de maneira sinxela en que consiste o problema das especies invasoras, algúns exemplos emblemáticos de especies invasoras na comunidade galega e unhas recomendacións de boas prácticas para mitiga-lo risco de novas invasións.