
"CAMILO O ÚLTIMO GUERRILLEIRO DE GALICIA"
Venres 31 de marzo ás 20.30 h no Auditorio do Museo Valle-Inclán
“Camilo o último guerrilleiro de Galicia” nace do sentido do deber para coa memoria democrática, sabendo que o futuro dela depende moito do que se faga nestes anos. Neste marco, vemos en Camilo de Dios non só o último guerrilleiro vivo da Galiza, senón unha traxectoria histórica continuada que vai dende a formación do movemento obreiro e campesiño na Limia até os nosos días: a persecución, a supervivencia, o afastamento familiar e mesmo a morte fan parte dunha vida movida polos soños dun mundo mellor. Camilo é un loitador da memoria que, 65 anos despois da morte de seu irmán, conseguiu exhumalo do lugar onde foi abatido pola Garda Civil e levalo ó seu lugar de orixe. Trátase, polo tanto, dun documental encamiñado a ser un relato lineal composto de pequenas historias en que exista a posibilidade de afondar.
Camilo de Dios naceu en Sandiás en 1932 e é, a día de hoxe, o derradeiro guerrilleiro vivo da Galiza. Súa nai actuaba de enlace na resistencia antifranquista despois da sublevación de 1936, actividade que comezaría Camilo ós 13 anos. En 1948 fuxiría ó monte, uníndose á loita contra o réxime na II Agrupación del Ejército Guerrillero de Galicia.
Ferido e capturado en 1949, Camilo foi condenado á morte nun consello de guerra realizado na Coruña, pero ó ser menor de idade e por mor das presións internacionais, as autoridades remataron por conmuta-la súa pena por 30 anos de cadea. A partir de aí, a vida de Camilo converteuse nun paso polos cárceres do Estado español; no Dueso foi onde pasou a maior parte da condena ata ser liberado en 1959. Nos anos sesenta participaría na organización das Comisións Campesiñas na Limia e na reorganización do Partido Comunista de Galicia (PCG) en Ourense, ata que foi detido de novo en 1971, acusado de propaganda ilegal.
Actualmente, Camilo non renunciou a todo aquilo polo que deu a súa vida e, despois de máis de 60 anos do asasinato de seu irmán, Perfecto de Dios, o guerrilleiro conseguiu vencer outra batalla máis e puido exhuma-los seus restos en Chaherrero (Crespos, Ávila) e trasladalos a Sandiás.
Loitador da memoria e historia viva, Camilo é a única testemuña que pode dar voz a tantas e tantos que coma el o arriscaron todo pola xustiza e a liberdade.