I PREMIO CARLOS MOSTEIRO DE LITERATURA INFANTIL
O Concello da Pobra do Caramiñal convoca o I Premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil.
No pasado pleno ordinario do mes de setembro de 2017 a Concellaría da Cultura presentou ó Pleno da corporación unha proposta sobre o escritor Carlos Mosteiro, que recollía dous acordos: 1. Poñe-lo nome de Xosé Carlos Mosteiro Fraga a unha rúa do concello. A proposta é a actual travesía Fernández Varela, onde se localiza o domicilio familiar. 2. Realizar diversas actividades de promoción e difusión da súa vida e da súa obra. Aprobouse por unanimidade.
Esta é polo tanto a primeira dunha serie de iniciativas que teñen como obxectivo homenaxea-lo escritor pobrense e, ó mesmo tempo, potencia-lo uso da lingua galega, así como colaborar na formación de novas escritoras e escritores, escollendo esta modalidade, á cal pertencen as obras do autor, a literatura infantil, que serve tamén como importante ferramenta para fomenta-lo uso do galego nas escolas e entre os e as máis novas, así como fomenta-lo seu gusto pola literatura dende as idades máis temperás.
O prazo para presenta-las obras remata no 1 de xuño. A contía do premio é de 1500 euros, pero ademais a obra gañadora será publicada na colección Árbore da editorial Galaxia.
Queremos agradecer encarecidamente a colaboración da Asociación Cultural Barbantia, con quen contamos para organizar posteriores eventos de homenaxe ó escritor Carlos Mosteiro, e tamén a da editorial Galaxia pola súa disposición para a edición da obra gañadora.
Moitas grazas tamén á familia, que apoiou coa súa presenza a presentación pública do premio. Oxalá tódalas actividades programadas sexan do seu agrado e lle poidan servir para recordar Carlos con cariño e orgullo.
Pódense consulta-las bases na seguinte ligazón:
Bases I Premio Literatura Infantil Carlos Mosteiro