Proceso selectivo: bolsa emprego persoal animador turístico
O Concello da Pobra do Caramiñal convoca o proceso selectivo, mediante un concurso-oposición, para unha lista de emprego de persoal ANIMADOR TURÍSTICO (laboral temporal).
O prazo para se presentar ó dito proceso (4 DÍAS HÁBILES) abrirase cando o anuncio se publicar no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (no día seguinte ó da publicación no BOP).
(Anuncio publicado no BOP de mércores 19 de xuño de 2019. Polo tanto, o prazo estará aberto dende xoves, 20 de xuño, deica martes, 25 de xuño de 2019, ambos inclusive.)
http://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2019/06/19/2019_0000004825.html
Tamén se publicará no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello da Pobra do Caramiñal:
https://apobra.sedelectronica.es
A seguir, publícanse, para os efectos informativos, as bases reguladoras do proceso selectivo.
20190617_Resolución_ 20190609_Resolución_Decreto_Resolución aprobación bases anim turismo 2019
BASES DE SELECCIÓN DO PROCESO SELECTIVO PARA A ELABORACIÓN DUNHA LISTAXE DE CONTRATACIÓN TEMPORAL DE PERSOAL ANIMADOR TURÍSTICO PARA O CONCELLO DA POBRA DO CARAMIÑAL
1 Obxecto:
Crear unha listaxe de contratación laboral temporal de ANIMADORES/AS TURÍSTICOS/AS para a Oficina de Turismo do Concello da Pobra do Caramiñal. Esta listaxe, despois dun proceso selectivo, terá unha duración máxima de dous anos, prorrogábeis outros dous anos máis por unha resolución da alcaldía, e sen prexuízo de que se poida precisar unha selección específica de xeito excepcional.
2 Modalidade, duración dos contratos e xornada:
O modelo de contrato de traballo que se utilizará será o de duración determinada na modalidade máis axeitada ó caso concreto: realización de obras ou servizos determinados, eventual por circunstancias da produción etc.
A duración dos contratos non poderá supera-lo tempo estabelecido nos decretos de contratación.
O contrato será pola xornada semanal que sexa necesaria para a realización das tarefas encomendadas.
Este contrato non se rexerá por ningún convenio sectorial. Unicamente poderá acollerse ó conxunto de cláusulas da negociación colectiva municipal en conformidade coa normativa vixente en tanto a contratante é a Administración pública.
3 Requisitos mínimos:
Para seren admitidas á realización das probas, as persoas candidatas deberán posuír, no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:
* Os requisitos xerais exixidos para poderen participar nos procesos selectivos segundo o estabelecido no artigo 56 do Real decreto lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, polo cal se aproba o Texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (TREBEP) e demais normativa directamente aplicábel
* Posuí-la capacidade funcional para o desempeño das tarefas inherentes ó posto
* Non estaren separadas mediante un expediente disciplinario do servizo de calquera administración pública ou en calquera dos supostos que considera o Real decreto lexislativo 5/2015
* Título de formación profesional de grao superior en Información e Comercialización Turística ou técnica/o superior en Guía, Información e Asistencia turística; técnica/o en Empresas e Actividades Turísticas, ou grao ou diplomatura en Turismo, ou equivalente homologado
* Coñecemento do galego: Celga 3 ou equivalente
4 Presentación de solicitudes:
As solicitudes para a participación no proceso selectivo presentaranse no Rexistro Xeral do Concello da Pobra do Caramiñal ou en calquera das formas prevista no artigo 15.4º da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de 4 días dende o día seguinte ó da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios do Concello, así como na súa sede electrónica (apobra.sedelectronica.es).
Pasado este prazo elaborarase a listaxe de persoas admitidas e excluídas.
Xunto á instancia achegarase:
- Unha fotocopia simple da titulación
- Unha fotocopia simple do documento identificador: DNI, pasaporte ou permiso de condución, ou no seu lugar acreditación de extravío ou subtracción do DNI. Caso de estranxeiros, pasaporte que acredite a súa nacionalidade de existir tratado que o permita, ou NIE de ser nacionais de estados membros da UE así como os seus cónxuxes non separados e descendentes menores de 21 anos e dependentes, ou no resto dos casos, permiso de residencia; todos eles vixentes.
- Os xustificantes dos méritos alegados na base 5.2.
- A fotocopia simple do título do Celga 3 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde de 16 de xullo de 2007, pola cal se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, de 30 de xullo).
- As persoas finalmente seleccionadas presentarán os orixinais de toda a documentación requirida anteriormente antes da sinatura do contrato. De non se presenta-la dita documentación (salvo casos de forza maior) ou no caso de se deducir desa documentación que non se reúnen os requisitos exixidos, a persoa aspirante non poderá ser contratada; sen prexuízo da responsabilidade en que puidese incorrer por falsidade na súa solicitude de participación. Neste suposto, o Concello contratará a seguinte persoa aspirante aprobada por orde de puntuación.
As persoas candidatas con discapacidade cun grao igual ou superior a 33% deberano indicar expresamente na solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecido, e deberán xunta-lo ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de valoración que ditaminou o grao de discapacidade. Así mesmo, poderán solicita-las posíbeis adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación for necesaria.
Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o Sr. alcalde, no prazo máximo de 3 días hábiles, mediante unha resolución aprobará a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. A dita resolución será definitiva de non haber excluídas, e será exposta no taboleiro de anuncios do Concello, así como na sede electrónica municipal apobra.sedelectronica.es, relacionándose as persoas aspirantes excluídas coa indicación da causa de exclusión.
As/os aspirantes excluídas/os disporán dun prazo de 3 días hábiles para achega-las emendas das deficiencias sinaladas ó Rexistro Xeral do Concello da Pobra do Caramiñal. Estas reclamacións e correccións serán aceptadas ou rexeitadas na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará na mesma forma. Contra a resolución en que se declare a exclusión definitiva da persoa aspirante, poderase interpoñer potestativamente un recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o órgano que ditou o acto, ou directamente un recurso contencioso- administrativo no prazo de dous meses, ante a Xurisdición Contencioso-Administrativa, contados a partir do día seguinte da publicación no taboleiro de anuncios do Concello da Pobra do Caramiñal.
5 Sistema de selección:
5.1 Oposición (puntuación máxima: 10 puntos)
O tribunal comprobará a identidade das persoas candidatas antes do inicio de cada proba, para o cal deberán acudir provistas do DNI ou, se non, pasaporte ou carné de conducir orixinais, ou o documento equivalente. Serán excluídas as que non puideren acredita-la súa identidade.
A fase de oposición terá carácter eliminatorio e, para superala, será necesario obter cando menos a metade da puntuación máxima prevista na proba.
Nesta fase o tribunal valorará os coñecementos e a capacidade para a realización dos traballos propios da praza.
PROBA TIPO TEST: 8 PUNTOS
Consistirá na realización dunha proba tipo test de 30 preguntas de coñecementos sobre o posto de traballo que se vai cubrir e sobre as accións, actuacións e actividades deste, segundo o temario indicado a seguir:
TEMARIO:
- A organización administrativa do turismo. As competencias da comunidade autónoma galega en materia de turismo
- Lei galega 7/2011, de 27 de outubro, de turismo
- As competencias e a organización administrativa en materia de turismo
- As competencias municipais e supramunicipais en materia de turismo
- Rede Galega de Oficinas de Turismo
- A regulación dos dereitos e deberes das usuarias e dos usuarios turísticos
- Dereitos das usuarias e usuarios turísticos. Obrigas das usuarias e dos usuarios turísticos
- O dereito de información
- Dereito á calidade dos bens e servizos adquiridos
- Dereito a formular queixas e reclamacións
- Dereito de non discriminación
- Recursos de interese turístico
- “Plan de organización turística de Galicia”
- Xeodestinos turísticos
- Territorios de preferente actuación turística
- Declaración de municipios turísticos
- Servizos mínimos dos municipios turísticos
- Efectos da declaración de municipio turístico
- A comunidade autónoma galega como marca turística
- A calidade turística
- As empresas turísticas
- Ordenación e clasificación das empresas turísticas
- Dereitos das empresarias e dos empresarios turísticos
- Obrigas das empresarias e dos empresarios turísticos
- Protección dos dereitos das persoas na actividade turística
- Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da comunidade autónoma galega
- O patrimonio natural e cultural galego
- Medidas de promoción turística
- Festas galegas de interese turístico
- Fomento do turismo
- Réxime sancionador
- O destino turístico Arousa Norte
- Xestión turística en Arousa Norte. Competencias dos concellos e da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte
ESPECÍFICAS
- Os recursos turísticos do concello da Pobra do Caramiñal
- Patrimonio cultural do concello da Pobra do Caramiñal
- Patrimonio natural do concello da Pobra do Caramiñal
- Actividades de promoción turística do Concello da Pobra do Caramiñal
- Material de promoción turística editado polo Concello da Pobra do Caramiñal
- Patrimonio arqueolóxico do concello da Pobra do Caramiñal
- Rutas do concello da Pobra do Caramiñal
PROBA DE DESENVOLVEMENTO NO POSTO E FLUIDEZ NOS IDIOMAS: 2 PUNTOS
Consistirá nunha entrevista para a avaliación do desenvolvemento das persoas aspirantes nas tarefas, fluidez comunicativa, aptitude e idiomas.
5.2 Concurso (puntuación máxima: 6 puntos):
Nesta fase só se avaliará aquelas persoas que superen a fase de oposición.
A fase de concurso non terá carácter eliminatorio e a puntuación obtida nela non poderá aplicarse para supera-los exercicios da fase de oposición. A puntuación máxima non poderá supera-lo 40 % da puntuación total.
Só entrarán no baremo os méritos adquiridos ata o día, inclusive, da publicación do anuncio da convocatoria.
Toda a documentación que a persoa candidata pretenda que se lle tome en conta para o baremo de méritos terá que ser achegada durante o prazo de presentación de solicitudes, non tomándose en consideración a presentada con posterioridade ó remate do dito prazo, que será considerada como achega de nova documentación fóra de prazo.
Terase en conta as seguintes indicacións:
- O apartado de formación acreditarase mediante a fotocopia dos títulos ou diplomas estendidos ou certificacións expedidas polo organismo ou centro correspondente coa expresión do curso ou xornada realizada e número de horas (no caso de equivalencias farase constar esta ou a fonte para a súa comprobación).
- A experiencia profesional na categoría deberase acreditar conxuntamente por medio dun informe de vida laboral, expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade social, e coa fotocopia dos contratos de traballo. No caso de ter traballado nalgunha administración pública, as copias dos contratos de traballo poderán ser substituídas por medio do certificado da Administración contratante do tempo traballado na categoría correspondente.
5.2.1 Experiencia:
A experiencia profesional valorarase segundo o seguinte baremo:
- Por cada mes completo de servizos prestados en postos de traballo relacionados coas funcións por desenvolver na administración pública: 0,20 puntos
- Por cada mes completo de servizos prestados en postos de traballo relacionados coas funcións que se van desenvolver noutras empresas ou entidades: 0,10 puntos
Puntuación máxima: 1,70 puntos
5.2.2 Formación:
- FORMACIÓN UNIVERSITARIA (puntuación máxima 1 punto):
A.1.- Estar en posesión de titulación universitaria (grao ou diplomatura de Turismo): 1 punto.
- FORMACIÓN COMPLEMENTARIA (puntuación máxima 1 punto):
Cursos (non xornadas) relacionados coas funcións que se van desenvolver:
- De 20 a 59 horas: 0,25 puntos
- De 60 a 149 horas: 0,50 puntos
- De 150 ou mais horas: 1 punto
- COÑECEMENTO DO GALEGO (só se valorará o de maior puntuación): puntuación máxima: 0,30 puntos
– Celga 4 ou equivalente: 0,10 puntos
– curso de linguaxe administrativa medio: 0,20 puntos
– curso de linguaxe administrativa superior: 0,30 puntos
Segundo o estabelecido na disposición adicional segunda da Orde de 16 de xullo de 2007 (DOG núm. 146 de 30 de xullo de 2007) para o acceso e a valoración de méritos na función pública terá a mesma validez posuí-las certificacións de aptitude dos cursos de lingua galega regulados na Orde de 1 de abril de 2005 (oral, iniciación e perfeccionamento) ca as certificacións de aptitude dos Celga.
- COÑECEMENTO DE IDIOMAS: puntuación máxima de 2 puntos
Valoraranse os coñecementos de idiomas debidamente acreditados, que teñan relación co posto de traballo a que se opta, que foran convocados, impartidos e/ou homologados polos centros oficiais, universidades e administracións públicas. Segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas:
A1: 0,25 puntos
A2: 0,50 puntos
B1: 0,75 puntos
B2: 1 punto
C1: 1,25 puntos
C2: 1,50 puntos
As puntuacións deste apartado non son acumulábeis polo mesmo idioma, de tal xeito que a valoración dun curso superior anula a do/s inferior/es.
5.3 Exercicio de galego: APTO ou NON APTO
O tribunal comprobará a identidade das persoas candidatas antes do inicio da proba, para o cal deberán acudir provistas do DNI ou, de non o teren, pasaporte ou carné de conducir orixinais, ou documento equivalente. Serán excluídas as persoas que non puideren acredita-la súa identidade.
Este exercicio realizarano aquelas persoas aspirantes que resulten seleccionadas e as suplentes que non estean exentas da realización deste, é dicir, que conten co certificado expedido polo órgano competente.
Estarán exentos de realizar este exercicio as/os aspirantes que acrediten, mediante orixinais ou fotocopias cotexadas e dentro do prazo sinalado para presenta-la solicitude para participar no proceso selectivo, que posúen o Celga 3 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde de 16 de xullo de 2007, pola cal se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, de 30 de xullo).
Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a comisión de selección ditará a resolución pola cal convocará as persoas candidatas que non acreditaran posuí-lo diploma, certificado ou curso que acredite o grao de coñecemento do idioma galego, á realización dunha proba oral, de carácter eliminatorio, en que poidan acreditar tal coñecemento.
O exercicio consistirá na tradución dun texto do castelán ó galego e doutro do galego ó castelán, extraídos ambos dalgúns dos xornais do día da proba. O tempo máximo para a realización da dita proba será de 1 hora.
Corresponderá ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos exixidos para acada-lo resultado de APTO.
A actuación das persoas candidatas levarase a cabo por orde alfabética segundo o estabelecido no sorteo publicado na Resolución de 24 de xaneiro de 2019 da Consellaría da Facenda, que estabelece para o presente ano empezar por aquelas cuxo primeiro apelido comece pola letra “Q”.
As persoas candidatas serán convocadas nun único chamamento que se fará público a través da páxina web, sede electrónica e do taboleiro de anuncios do Concello. Serán excluídas as que non compareceren, excepto nos casos debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal.
6 Selección das persoas candidatas:
O tribunal efectuará a selección conforme se describe no punto quinto destas bases.
Os membros do tribunal deberanse abster de intervir, e notificarano á autoridade convocadora, cando neles concorran circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, de 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público. As persoas aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando se dean calquera das citadas circunstancias.
O tribunal non se poderá constituír nin actuar sen a asistencia de máis da metade dos seus membros, titulares ou suplentes indistintamente, debendo estar presente, en todo caso, o/a presidente/a e o/a secretario/a ou quen legalmente os/as substitúa.
O tribunal, na súa actuación, axustarase ó estabelecido nas presentes bases; no non disposto seralle de aplicación a normativa prevista para a formación da vontade dos órganos colexiados, tanto na Lei 39/2015, de 1 de outubro, coma na demais normativa de aplicación.
Unha vez rematado o proceso de selección o tribunal relacionará as persoas aspirantes en orde de maior a menor puntuación e proporá a listaxe ó Sr. alcalde para a realización das oportunas contratacións.
Asemade recollerase a relación de aspirantes por orde de prelación que tendo superados os exercicios da oposición, de se-lo caso, non se incluíran na lista de persoas aprobadas e proposta de nomeamento, para os efectos de poder, se así se estima, ser contratadas eventualmente, para cubrir provisionalmente as vacantes que se produzan ou as ausencias por gozo de permisos regulamentarios, necesidades do servizo etc. ou por se for necesario cubrir algunha baixa ou renuncia do/A seleccionado/a, segundo a orde de maior puntuación obtida.
Unha vez se proceda á contratación das persoas aspirantes, serán requiridas para que previamente acheguen a documentación acreditativa dos requisitos sinalados nestas bases para accederen ó posto de traballo, e presentarán a declaración de non incorrer en causas de incompatibilidade con relación ás tarefas por realizar.
Como requisito previo á contratación, as persoas aspirantes realizarán o preceptivo curso de prevención de riscos laborais inicial no posto de traballo. Perderán os seus dereitos se así non o fixeren.
No caso de que a persoa aspirante non reunise os requisitos necesarios para a contratación poderá ser substituída pola seguinte da relación do proceso selectivo ata a finalización do que reste do programa de contratación, de se-lo caso, situación que tamén poderá suceder no caso de ser necesario cubrir algunha praza por razóns de baixa, enfermidade etc., utilizando para iso a modalidade de contratación laboral apropiada para cada suposto.
De se produciren empates, estes resolveranse atendendo sucesivamente os seguintes criterios:
- a) Maior puntuación na fase de oposición
- b) Maior puntuación no concurso
- c) En ultimo lugar, resolverase mediante sorteo público
7 Chamamentos ás persoas aspirantes:
Os chamamentos faranse polo medio máis urxente que permita te-la constancia da súa recepción. Nos supostos en que a necesidade de cobertura dun posto non fose previsíbel coa antelación suficiente ou, polas circunstancias concorrentes no proceso de chamamentos debidamente acreditadas, fose necesaria a súa cobertura de xeito urxente para evitar graves prexuízos no funcionamento e prestación do servizo público, o chamamento poderase realizar telefonicamente, sen prexuízo da entrega da comunicación escrita no momento da súa incorporación.
8 Situación nas listaxes:
As persoas integrantes da listaxe resultante que, sendo convocadas para facer efectiva a contratación, non se presentaren ou renunciaren a ela, pasarán ó último posto da listaxe, salvo indicación expresa de que non desexan continuar nela.
A renuncia á continuidade no desempeño dun posto de traballo realizada pola persoa contratada suporá a perda dos seus dereitos na listaxe.
Unha vez rematada a contratación, a persoa interesada pasará a ocupa-lo mesmo posto no que estivese na listaxe.
9 Interpretación das bases:
O tribunal queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten e adopta-los acordos necesarios para a boa orde do proceso de selección en todo o non previsto nestas bases.
10 Regras de funcionamento da bolsa de emprego:
- Coas persoas candidatas que superasen o proceso selectivo (ou os que superasen o primeiro exercicio da fase de oposición nos procedementos por oposición ou concurso-oposición) formarase unha lista por orde de puntuación total obtida, que será empregada para o chamamento de persoas candidatas coa finalidade de realizar contratacións laborais temporais en aplicación dos supostos previstos no artigo 15.1 do Estatuto dos traballadores (realización de obras ou servizos determinados, acumulacion de tarefas e substitución de traballadores con dereito a reserva do posto de traballo)/ nomeamentos temporais en aplicación dos supostos previstos no artigo 10.1 do Texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público .
Soamente poderá prescindirse desta bolsa de emprego cando a aplicación doutra norma de rango legal ou regulamentario, ou, no caso de contratacións financiadas con subvencións públicas, a súa normativa reguladora impoña a utilización dun procedemento de selección diferente, ou a exixencia de requisitos ou a valoración doutros criterios de selección diferentes ós destas bases.
- O nomeamento das persoas aspirantes efectuarase atendendo á súa clasificación na bolsa de traballo, por orde decrecente de puntuación, que virá determinada pola suma total das puntuacións acadadas no proceso selectivo.
- Os chamamentos realizaranse por vía telefónica: efectuaranse, como mínimo, dúas chamadas cun intervalo mínimo de 5 horas. Coa finalidade de posibilita-la mellor tramitación do procedemento, os/as interesados/as son responsábeis de comunicar ó Concello calquera alteración do seu número de contacto.
O/a empregado/a público que efectúe as chamadas fará constar mediante unha dilixencia a disposición da persoa interesada a cubri-lo posto para o cal se realice o chamamento. De non atende-las chamadas telefónicas, entenderase que a persoa aspirante desiste del.
- As persoas integrantes da bolsa de traballo non perderán a orde de prelación que en cada momento lles corresponda, de tal maneira que se o nomeamento para o cal son chamadas finaliza, retornarán ó posto que novamente lles corresponda na lista.
- As persoas integrantes da bolsa de traballo que sexan convocadas para facer efectiva a contratación e non se presenten ou renuncien a esta sen causa xustificada, ou que renuncien a continuar desempeñando un posto para o que fosen contratadas en aplicación destas bases, pasarán a ocupa-la última posición na lista. No caso de seren convocadas por segunda vez e non atenderen o requirimento, serán excluídas da bolsa.
Consideraranse como causas xustificadas para a renuncia ó chamamento as seguintes:
- A) Estar desenvolvendo un traballo remunerado en virtude de relación laboral ou funcionarial nas datas para as que se efectúa o chamamento.
- B) Estar realizando estudos presenciais en centros situados fóra do termo municipal da Pobra do Caramiñal, ou estar convocada a realización de exames nas datas para as que se efectúa o chamamento.
- C) Atoparse en situación de incapacidade médica que impida de xeito temporal o desenvolvemento das tarefas propias do posto de traballo.
- D) Atoparse, en caso de maternidade, dentro das 16 semanas seguintes ó nacemento, adopción ou acollemento (período que se ampliará en 2 semanas máis por cada fillo/a a partir do segundo), ou, en caso de paternidade, dentro das 4 semanas seguintes ó nacemento, adopción ou acollemento (período que se ampliará en 2 días hábiles máis por cada fillo a partir do segundo).
A persoa candidata deberá acreditar documentalmente a efectiva concorrencia da causa que alegue para renunciar ó chamamento.
Mediante unha resolución da Alcaldía, determinarase a procedencia da pasaxe á última posición da lista, así como a aceptación ou rexeitamento das causas alegadas polas persoas candidatas para a renuncia ó chamamento ou a desistencia no posto de traballo.
- A aceptación dun chamamento suporá a suspensión dos chamamentos ata que cese o primeiro nomeamento.
- As persoas integrantes da bolsa de traballo que non se atopen prestando servizos poderán solicita-la suspensión das citacións mediante unha solicitude formulada para tal efecto. A dita solicitude, que será irrenunciábel, terá efectos suspensivos nas citacións. Os seus efectos produciranse dende o décimo día natural seguinte contado dende a presentación da solicitude de suspensión no rexistro do órgano competente. O tempo de duración desta, á elección da/o interesada/o, será de dous, seis ou doce meses, segundo o solicite a persoa interesada, computados dende a data dos efectos da suspensión.
- Unha vez compareceza a persoa aspirante chamada segundo a orde da bolsa de traballo, por unha resolución da Alcaldía procederase ó seu nomeamento para o desempeño do posto de traballo correspondente.
- O cesamento producirase por unha resolución da Alcaldía cando aconteza a causa de extinción do contrato de traballo ou cando se produzan algúns dos supostos previstos no Real decreto lexislativo 2/2015, de 23 de outubro, polo cal se aproba o Texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.
- A bolsa de emprego terá unha vixencia de dous (2) anos contados dende a aprobación pola Alcaldía da resolución a que fai referencia a base 9, apartado 3, prorrogábeis por outro máis
11 Impugnación:
As presentes bases e a súa convocatoria poderán ser impugnadas de conformidade co estabelecido na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Poderase interpoñer un recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contra a convocatoria e as bases, previo á vía xurisdicional contencioso-administrativa, que se poderá interpoñer no prazo de dous meses, que se contarán a partir do día seguinte á publicación deste anuncio no taboleiro de edictos do Concello.
(Convocatoria e mais bases íntegras en PDF)
20190617_Resolución_ 20190609_Resolución_Decreto_Resolución aprobación bases anim turismo 2019