
Espazos das Familias, con nenas/os ata 3 anos: tódolos martes polas mañás (ata xuño) na casa da cultura Raquel Fernández Soler
Aínda fican sitios libres para se inscribir no programa educativo Espazos das Familias, para nais e pais que teñan fillas e fillos menores de 3 anos. Pódense informar e inscribir nos Servizos Sociais do Concello da Pobra do Caramiñal.
O Concello ofrece ás familias con nenas e nenos menores de tres anos a posibilidade do encontro e intercambio con outras familias e cunha profesional da educación, co fin de que poñan en valor o seu importante papel como educadoras.
Estes encontros, denominados “Espazos das familias”, teñen como fin que os pais e as nais, é dicir, as familias, conten cun lugar onde compartiren, debateren e reflexionaren sobre a marabillosa experiencia da crianza dos nenos e nenas; coñezan cales son as actividades máis axeitadas para acada-lo mellor desenvolvemento dos seus fillos e fillas, tendo en conta a súa idade; e tamén para favorecer que nenas e nenos se atopen con outros das mesmas ou parecidas idades e coas persoas adultas.
As xuntanzas serán semanais, coa duración dunha hora e media (dende as 11.30 h ata as 13 h) e durante todo o curso escolar, deica o mes de xuño de 2020.
Estarán coordinados por unha traballadora da Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, unha entidade composta por profesionais da educación que fixeron parte do colectivo de Preescolar na Casa.
As familias interesadas en participar pódense inscribir nas oficinas dos Servizos Sociais (no Servizo da Educación Familiar) ou chamar ó teléfono 981 832764, ext. 3.
A orde de admisión virá determinada pola data de presentación das solicitudes.