Sábado 29 de febreiro, enterro do "Filipiño do Maño" a partir das 19 h
No vindeiro sábado, 29 de febreiro, o enterro do noso prezado veciño, o noso “Filipiño do Maño”, porá o remate ás festas do Entroido de 2020 da Pobra do Caramiñal.
O pobre “Filipiño do Maño” volveu morrer dunha enchenta do Entroido, coma tódolos anos, e haberao que despedir como merece, cun sentido loito e moitos prantos fúnebres.
O cortexo funerario sairá ás 19 h do Campo do Maño (da parroquia do Xobre) e realizará o seu percorrido de tódolos anos polas rúas da nosa vila, ata chegar ó lugar da súa incineración, na rampla da praia dos Areos.
O grupo de gaitas Trécola e a charanga Eravisto escoltarán musicalmente o noso prezado veciño como merece: festa sen parar! Non a perdades!