Rematada a apertura da vía de Bandaseca ó Castro
Recentemente concluíron as obras que posibilitaron a apertura dunha vía que conecta Bandaseca e O Castro. Deste xeito, a corredoira existente no lugar transformouse agora nunha estrada executada polo Concello da Pobra do Caramiñal ó abeiro do POS+2018 e grazas ás cesións efectuadas pola veciñanza do lugar.
O alcalde, José Carlos Vidal; a concelleira das Obras, Patricia Lojo; e Andrés Fernández, arquitecto técnico do estudo encargado da redacción do proxecto, explicaron en que consistiu esta actuación que lle dá resposta á demanda das persoas propietarias das vivendas da contorna.
A pista consta de 400 metros de lonxitude con rede de saneamento, abastecemento de auga, recollida de pluviais e firme (metade da estrada con aglomerado asfáltico e a outra metade con formigón).
Tanto o rexedor coma a edil indicaron que se continúa coa folla de ruta deseñada pola Administración local para lles achegar servizos básicos a zonas do municipio carentes deles.
O investimento ascendeu aos 67 000 euros, IVE incluído.