Información do Goberno do Concello da Pobra do Caramiñal: medidas extraordinarias xerais por precaución sanitaria pola COVID-19
DECRETO DA ALCALDÍA DA POBRA DO CARAMIÑAL, 13 DE MARZO DE 2020
Por causa da alerta sanitaria a nivel xeral como consecuencia do coronavirus, esta alcaldía anuncia a toda a cidadanía, na data de hoxe, 13 de marzo de 2020, as medidas que se van adoptar con motivo da COVID-19.
ASUNTO: MEDIDAS PARA ADOPTAR CON RESPECTO ÁS ACTIVIDADES E
INSTALACIÓNS MUNICIPAIS CON MOTIVO DA COVID-19 |
EXPEDIENTE: 846/2020 |
RESOLUCIÓN DA ALCALDÍA
ANTECEDENTES
PRIMEIRO. A situación xerada pola evolución do coronavirus COVID-19 supuxo a adopción de medidas de contención extraordinarias polas autoridades de saúde pública que inclúen, entre outras, o peche de centros educativos e de atención a maiores. Adicionalmente requírese a adopción doutras medidas para garanti-la protección da saúde pública.
CONSIDERACIÓNS
PRIMEIRA. En atención ás medidas adoptadas polas autoridades sanitarias, faise imprescindible, co fin de garanti-la protección da saúde pública, a aprobación da presente resolución con carácter extraordinario.
SEGUNDA. As presentes medidas terán o carácter temporal que determinen as indicacións das autoridades competentes.
TERCEIRA. Establécense as seguintes medidas de carácter extraordinario:
Primeira. Atención ó público nas dependencias municipais
Unicamente permanecerá aberto o rexistro municipal e o Departamento de Recadación para atención presencial; pero quedará restrinxido o seu uso para a entrega de documentación física. As consultas deberán realizarse vía telefónica ou por medios telemáticos. Os demais departamentos só ofrecerán atención telefónica. O número do rexistro do Concello é 981 84 32 80.
Segunda. Outras dependencias municipais
A casa da cultura, o Museo Valle-Inclán, a biblioteca pública municipal Victoriano García Martí e o arquivo permanecerán pechados ó público.
Terceira. Actividades e eventos municipais
Suspéndense todo o tipo de actividades e eventos culturais, turísticos, deportivos, sociais ou doutra índole organizados polo Concello.
Cuarta. Instalacións deportivas
Permanecerán pechadas sen ningunha actividade, non se autorizará a súa utilización para competicións nin tampouco para adestramentos. Dentro desta medida inclúese a piscina municipal.
Quinta. Praza de abastos
Permanecerá aberta, pero con control da cantidade de público, limitado a 50 persoas (excluídos os traballadores e traballadoras dos postos).
Sexta. Mercado de postos ambulantes
Queda prohibida a instalación de calquera posto de venda, exceptuando os de produtos alimentarios.
Sétima. Parques infantís e espazos públicos
O peche dos centros educativos pode provocar un efecto adverso se a poboación non actúa con responsabilidade. As aglomeracións en espazos públicos ou privados, especialmente os parques infantís, onde os nenos e nenas entran en contacto directo cos xogos alí instalados, pódense converter nun risco grave para provoca-la aparición de focos de contaxio. Polo tanto o Concello procederá a precinta-los parques infantís e quedarán pechados ata un novo aviso.
É necesario evitar concentracións de persoas que impidan mante-la distancia mínima para evita-lo contaxio (entre 1,5 e 2 m). Polo tanto o Concello, seguindo as instrucións das autoridades sanitarias, recomenda permanecer na vivenda o maior tempo posible, saír da casa só para o estritamente necesario e, en caso de facelo para ter contacto co aire libre, procurar espazos solitarios ou con presenza reducida de persoas.
Oitava. Efectos
A presente resolución producirá efectos dende o momento da súa sinatura.
Tras ver canto antecede, e con base nas competencias atribuídas a esta alcaldía polo artigo 21 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, RESOLVO:
PRIMEIRO.- Aproba-la seguinte instrución de carácter obrigatorio.
SEGUNDO.- Dar traslado da presente resolución á veciñanza a través de cantos medios sexa posible e dar conta ó Pleno da corporación na primeira sesión que se realice, no cumprimento do disposto no art. 42 do Real decreto 2568/86, de 28 de novembro, polo cal se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais.
Na Pobra do Caramiñal, na data da sinatura dixital (13 de marzo de 2020)
O alcalde O secretario
José Luis Piñeiro García Guillermo J. Fernández López
20200313_Resolución_resolución coronavirus