23 de abril, celebra o Día Internacional do Libro coa biblioteca municipal da Pobra do Caramiñal
A biblioteca municipal Victoriano García Martí da Pobra do Caramiñal participa no vídeo elaborado por 31 centros de lectura galegos para conmemorármo-lo DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO, que se celebra hoxe, 23 DE ABRIL.
As persoas responsábeis das bibliotecas, que están pechadas por mor da pandemia da COVID-19, son as protagonistas e as caras visíbeis deste audiovisual, que quere mostrar que estes centros seguen a traballar e a buscar novas formas de contactar co público lector.
A acción enmárcase dentro das actuacións cooperativas que está a poñer en marcha un grupo de traballo formado por 31 bibliotecas públicas municipais pertencentes á Rede de Bibliotecas da Xunta. Dende marzo, abren novas canles para compartiren experiencias e fomentaren a participación, mesmo en tempos de confinamento.
O vídeo conmemorativo do Día Internacional do Libro é unha destas iniciativas. Nel aparecen as propias persoas encargadas das bibliotecas. O espírito do vídeo é amosa-la proximidade do servizo bibliotecario, aínda que as bibliotecas non estean abertas ó público. Ó ritmo da música de Guadi Galego (Chea de vida) e Migallas (O libro máxico), as bibliotecarias e bibliotecarios, un a un, unha a unha van intercambiando libros en pequenas pezas realizadas dende as súas propias casas, simbolizando un traballo en rede cooperativo e de axuda común.
Outra iniciativa posta en marcha por este grupo ó comezo do estado de alarma é o deseño dun banco de recursos baixo o nome de #ahoradoconto, que consiste en recomendar unha lectura. As escollas fanse públicas de luns a venres a través das redes sociais e páxinas web municipais. Cada día, unha das bibliotecas é a responsábel de realiza-la dita recomendación, en diferentes formatos, xéneros e idiomas. A proposta ten como propósito fomenta-la lectura e o contacto cos libros.
A bibliotecas públicas municipais que conforman esta iniciativa son as dos concellos de Antas de Ulla, Arteixo, A Pobra do Caramiñal, As Pontes, Baiona, Boiro, Caldas de Reis, Chantada, Chapela-Redondela, Coirós, Corcubión, Miño, Mondariz-Balneario, Narón, Noia, O Pino, O Saviñao, Ordes, Oroso, Portonovo, Redondela, Rianxo, Ribadavia, Rois, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Santa Comba, Sober, Teo, Xermade e Xinzo de Limia.
Biblioteca Municipal da Pobra do Caramiñal
Ligazón ó vídeo no YouTube: