Ruta Xacobea do Mar da Arousa e Río Ulla, tódalas fins de semana de XUÑO e de SETEMBRO en veleiro
Esta fin de semana comezámo-las rutas en veleiro para navegarmos por parte da Ruta Xacobea do Mar da Arousa e Río Ulla, a cal conmemora o traslado do apóstolo Santiago dende Palestina ata Iria Flavia.
Unha ruta de gran riqueza paisaxística e cultural. No seu transcurso pola ría da Arousa verase a costa de Boiro, Rianxo, A Illa de Arousa, Catoira e Vilagarcía de Arousa. Praias, calas, cabos, enseadas, pontes e parte dos cruceiros que pertencen ó único viacrucis marítimo-fluvial do mundo.
Haberá máis viaxes, tódalas fins de semana de xuño e de setembro.
Consiste nunha travesía guiada de 6 horas. Desembarcarase en Rianxo ou Vilagarcía para comer.
Sairase ás 11.00 h do porto náutico da Pobra do Caramiñal e regresarase sobre as 18.00 h
Viaxarase en grupos reducidos: como máximo 10 persoas poden ir en cada viaxe. É obrigatorio levar máscaras por precaución sanitaria.
As reservas realizaranse por correo electrónico no enderezo turismo@apobra.gal ou chamando por teléfono ó 671 090 262.
Os prezos por persoa son de 12€ e, os/as nen@s menores de 12 anos, 8€. As familias con máis dun/dunha nena terán desconto.
Por agora, é preciso o pagamento por transferencia bancaria.
No suposto de ir mal tempo, adiarase a viaxe para outro día.
É unha actividade financiada polo programa “O Teu Xacobeo” da Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta, organizada pola Concellaría de Turismo do Concello da Pobra do Caramiñal.