A Pobra do Caramiñal, no seo do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostible
A Pobra do Caramiñal é un dos 219 concellos galegos adheridos ó Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostible, o maior movemento mundial contra o cambio climático. A Comisión Europea puxo en marcha esta iniciativa en 2008 co obxectivo de involucra-las autoridades locais e a cidadanía no desenvolvemento e a aplicación da política enerxética da Unión Europea. A Xunta relanzou esta iniciativa a principios de 2019 e A Pobra é un dos concellos adheridos a ela dende ese ano.
Ó se adherir, A Pobra do Caramiñal asumiu o compromiso de reduci-las súas emisións de gases de efecto invernadoiro nun 40% antes de 2030 ó tempo que se compromete a pór en marcha medidas para acelera-la descarbonización do municipio e fortalece-la súa capacidade de adaptación, aumentando a resiliencia fronte ós riscos derivados do cambio climático.
Neste momento A Pobra está a elabora-lo Plan de acción para o clima e a enerxía sostíbel (PACES), plan que os municipios adheridos ó Pacto se comprometen a redactar nun prazo máximo de dous anos dende a data de adhesión. Sitúase así á cabeza dos concellos galegos en materia de políticas de cambio climático, como un concello co firme compromiso ambiental de reduci-las súas emisións de gases de efecto invernadoiro, minimiza-lo seu impacto e contribuír deste xeito a reduci-los riscos e as consecuencias derivadas do quecemento global.
Así, o noso concello aposta claramente por conseguir un lugar mellor para tódalas xeracións tanto presentes coma futuras.