A Pobra reforza a brigada de defensa e protección contra os incendios forestais con diverso material
Desde a Concellaría da Seguridade do Concello da Pobra do Caramiñal procedeuse á adquisición de diverso material destinado a reforzar a protección individual dos membros da brigada de loita e prevención dos incendios forestais, así como de ferramentas que faciliten o desenvolvemento das súas tarefas. O investimento nestes equipamentos ascende aos 11000 euros e comprende uniformes ignífugos, botas para extinción, cascos, lentes, protectores para o pescozo, máscaras, filtros, luvas, camisetas ignífugas, cintos forestais, lanternas, cantimploras, fundas ignífugas para máscaras e filtros, mochila extintor, batelumes, pulaski, rozadoira, obxectos para corte e traballo no solo, ademais de equipos de protección individual para a utilización da rozadoira.
O repartimento da dotación para a brigada de defensa e protección contra os incendios forestais xa se efectuou nos pasados días desde as dependencias municipais, pois o domingo xa comezaron co seu labor.
Cómpre sinalar que a xestión do persoal e a adquisición dos equipos é pública, levándose todo a cabo desde a Administración local. Así mesmo, é preciso apuntar que a contratación e dotación dos equipos están subvencionadas pola Consellaría do Medio Rural ao abeiro dun convenio asinado co Concello.