Os GALP ofertan formación para a mocidade a través do proxecto "Relevo2020"
Os cinco Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) (A Pobra do Caramiñal enmárcase no GALP Ría da Arousa) promoven o proxecto de colaboración “Relevo 2020″. Trátase dunha iniciativa que busca a remuda xeracional no sector pesqueiro mediante a capacitación da mocidade a través de formación e mellor coñecemento dos recursos dos territorios.
Neste senso, está dirixido a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, sen requirir experiencia previa no sector pesqueiro nin estar en posesión de ningunha titulación relacionada con el.
O programa formativo levarase a cabo desde setembro de 2020 a abril de 2021, ambos inclusive. Este período comprenderá dúas edicións, é dicir, cada unha terá unha duración de 4 meses, polo que haberá un total de 15 prazas por cada unha (30 en total en cada GALP).
Entre os contidos que se ofertan figura coñecemento do sector pesqueiro, deseño da carreira profesional, tecemento de redes asociativas e profesionais, emprendemento activo, recoñecemento de experiencias innovadoras e encontros profesionais. Así mesmo, poñerán en marcha unha serie de actuacións para a execución do programa formativo e impartición dos contidos: seminarios formativos, titorías individualizadas, saídas de campo, encontros con mozas e mozos con experiencia, visitas para coñecementos dos recursos noutros GALP e visita de estudo nacional.
O proxecto está presente nas redes sociais, concretamente, no Facebook e no Instagram co nome “Relevo2020″.
Abaixo achégase un tríptico con máis información, pero quen desexe resolver dúbidas ou inscribirse pódeo facer a través da páxina web www.relevo2020.org, ademais do enderezo electrónico info@relevo2020.org.