Amplíase o prazo de presentación de traballos para o concurso Novas masculinidades, impulsado pola Deputación
A Área da Igualdade da Deputación da Coruña amplía ata o 15 de outubro o prazo de presentación de traballos ao concurso de viñetas que ten como propósito contribuír á eliminación das discriminacións na mocidade a través do xénero da banda deseñada e que, neste 2020, abrangue a temática das Novas masculinidades.
Poden participar mozos e mozas con idades comprendidas entre os 12 e 18 anos e presenta-los seus traballos ben sexa en grupo ou individuais. Dende a institución provincial, manifestan que esta nova edición do certame ten como obxectivo a reflexión, visibilización e concienciación ao redor das novas masculinidades, así como as claves para avanzar nunha masculinidade alternativa máis igualitaria.
Cómpre sinalar que o concurso estabelece dúas categorías: unha para idades de 12 a 14 anos e outra de 15 a 18 anos. Os premios consistirán en tablets e coleccións de cómics.
As bases pódense consultar premendo na seguinte ligazón: servizos-sociais/area-igualdade/premios-e-concursos/concurso-vinetas.