
A Pobra e Rianxo convértense en escenario da primeira fase dun proxecto piloto de memoria histórica
No día de onte, luns 28, efectuouse en Rianxo a presentación da “Proposta de investigación e intervención sobre os lugares de memoria en Galicia”, cuxa primeira fase do proxecto piloto vai ser aplicada nos municipios da Pobra do Caramiñal e de Rianxo. A súa realización vaise prolongar durante os próximos meses.
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza púxose en contacto no seu día coa concelleira pobrense da Cultura, Patricia Lojo, para expoñe-lo referido proxecto, do cal a edil sinalou que “as vítimas dunha guerra incivil e da represión cruel dunha longa ditadura merecen toda a nosa consideración: o respecto efectivo e decidido das administracións e dos gobernos democráticos”, engadindo que “a xustiza, tamén a xustiza da memoria digna e da xustiza social, debe ser guía de traballo permanente para calquera goberno democrático” e, neste senso, apuntou que “os políticos e políticas de hoxe temos unha débeda coa memoria histórica, e este é un paso máis. Un proxecto moi importante para a nosa sociedade e para rachar co silencio, ademais de dar a coñece-la nosa historia. Razóns polas cales me sinto orgullosa de que sexa A Pobra un dos concellos que vai apoiar e traballar neste eido.”
O dito proxecto, que nace froito da colaboración entre a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza e o grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), contará dende a primeira fase coa participación dos concellos pobrense e rianxeiro e comprenderá a elaboración dun informe técnico: Investigación, sinalización e proposta de intervención sobre os lugares de memoria do golpe de 1936, a ditadura franquista e a resistencia.
Posteriormente, unha segunda fase permitirá indagar e localiza-los lugares da memoria segundo uns criterios específicos e cartografalos para que todas aquelas persoas interesadas (entidades públicas, privadas, asociacións) accedan ao coñecemento de cada espazo e poidan intervir sobre estes do xeito que consideraren axeitado. Así mesmo, elaborarase un protocolo de actuación, tanto no deseño da sinalética coma no xeito de comunicación.
E, na terceira fase, retomarase o proxecto de Centro da Memoria que se esbozara en 2006 co apoio de tres universidades. Concibido como espazo de documentación, investigación e interpretación, estará dedicado a desenvolver labores de pescuda e de recollida documental. Ademais, continuarase coas tarefas das fases anteriormente referidas, completando e achegando novos datos referidos a novas etapas.