Convocados dous concursos a prol da igualdade de xénero, impulsados pola Deputación
A Deputación da Coruña convoca por sétimo ano consecutivo o Concurso de Guións Contra a Violencia de Xénero e o Premio Concepción Arenal a Proxectos Educativos pola Igualdade de Xénero.
O primeiro ten como obxectivo elaborar un guión de curtametraxe a través do cal se xere reflexión, conciencia, sensibilización, identificación e prevención da violencia económica como forma de control e dominación. Poderán participar tódalas persoas físicas con idades comprendidas entre os 12 e 18 anos, que cursen educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional ou outro tipo de formación análoga. Na seguinte ligazón pódense consulta-las bases: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2020/10/28/2020_0000007594.pdf
O segundo ten como finalidade deseñar e executar proxectos educativos que procuren o desenvolvemento de habilidades para a identificación e o rexeitamento de estereotipos sexistas que contribúen a xerar e mante-la violencia de xénero, así como a construción de esquemas alternativos que axuden a comprender e respecta-la igualdade de oportunidades real entre sexos. Poderán participar centros educativos públicos da provincia nas seguintes modalidades, por cada unha das cales se convoca un premio en metálico de 5000 euros: proxectos educativos na educación infantil, proxectos educativos na educación primaria e proxectos educativos na educación secundaria.
As convocatorias tramitaranse de xeito telemático, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL) e será o centro o encargado de presenta-la candidatura. As bases completas pódense consultar na seguinte ligazón: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2020/10/28/2020_0000007596.pdf
O prazo de presentación para as dúas convocatorias finaliza ás 14.00 horas do 1 de decembro.