Ofrenda floral a García Martí, a Mariquiña e a Devoto Fantoni
O Concello da Pobra do Caramiñal tributou un recoñecemento institucional na tarde do sábado 31 ao escritor Victoriano García Martí, fillo predilecto da localidade, poñendo unha coroa de flores no nicho onde descansan os seus restos. Ata o cemiterio de Santa María a Antiga do Caramiñal desprazáronse as concelleiras Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), Genoveva Hermo (Nós Pobra) e Amparo Cerecedo (BNG), así como o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González.
A seguir, trasladáronse ata o camposanto de Santo Isidro de Posmarcos para colocar un arranxo floral sobre a tumba de María de la Encarnación Beatriz Baltasara del Valle-Inclán Blanco, Mariquiña -unha das fillas de Ramón del Valle-Inclán que naceu na Pobra, concretamente, no pazo da Mercé- e o seu marido, o novelista Daniel Jesús Devoto Fantoni.