Comezan as obras de acondicionamento na escola da Angustia
Na xornada de onte, mércores 25, iniciáronse na escola de educación infantil da Angustia as obras de mellora e acondicionamento das aulas situadas na planta baixa. Ata o lugar desprazáronse no mediodía de onte o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, e a concelleira da Educación, Genoveva Hermo.
A edil expuxo que a dita actuación consiste na colocación dun illamento térmico no perímetro da edificación e nun tradosado con cartón-xeso, na renovación da carpintaría interior, nunha nova instalación eléctrica e na colocación de vinilo no chan. En consecuencia, afirmou que se “mellorará sensiblemente o edificio en xeral e a vida dos escolares en particular.” A obra foi adxudicada á empresa CYS Hispania S.L. e o importe ascende a 22 660’90 euros (cunha rebaixa de 2 732’32 euros sobre o prezo de licitación) con cargo aos orzamentos municipais. O prazo de execución é dun mes e medio.
Pola súa parte, o rexedor lembrou que o edificio tamén acolle o centro social no primeiro andar, nun espazo que se adecúa para o desenvolvemento das aulas para os/as 12 escolares. Tamén fixo fincapé nos investimentos feitos nas escolas nos últimos anos, precisando que “esta vén sendo unha máis que vai completar toda unha actuación neste centro” e engadiu que, despois das obras, “vai quedar perfectamente dotada.”