Barbanza Arousa e a Asociación Cultural Alberto Romero asinan un convenio de colaboración
O presidente da Mancomunidade Barbanza Arousa e alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, e o representante da Asociación Cultural Alberto Romero, Santiago García, formalizaron no día de onte un convenio de colaboración focalizado na colaboración, impulso, difusión e promoción das actividades creadas polo referido colectivo.
A finalidade principal da Asociación Cultural Alberto Romero é a promoción da cultura audiovisual a través do seu Certame de Curtas Alberto Romero, o cal se desenvolve nos Concellos pertencentes a Barbanza Arousa de maneira itinerante e que conta con moi boa acollida entre o público en xeral. Así, a sexta edición ten como data o 19 de febreiro, ás 19.00 horas, no teatro cine Elma da localidade pobrense, e contará con 4 premios nas diferentes categorías, dotados de 300 euros cada un.
Con esta rúbrica, a Mancomunidade comprométese a colaborar na realización do proxecto VI Certame Audiovisual de Curtas Alberto Romero, no cal participan estudantado dende primaria ata bacharelato, ademais de contar cunha categoría para usuarias/os dos centros dirixidos a persoas con diversidade funcional e outra categoría libre aberta a todas aquelas persoas interesadas en participar.
O representante da nomeada asociación, Santiago García, explicou que, a maiores das actividades formativas que se imparten nos catro municipios sobre o eido audiovisual, impulsáronse uns talleres de interpretación e creación de guións que, debido ao éxito acadado, valoran expandir no próximo ano.
Pola súa parte, o presidente da entidade supramunicipal, Xosé Lois Piñeiro, manifestou que o proxecto cultural se enmarca dentro dos obxectivos “da promoción cultural, de dar a coñecer a nosa comarca en todo o territorio galego.” Así mesmo, salientou que moitas das pezas audiovisuais que se presentan ao certame constitúen reivindicacións de índole social.